Inés Rey defende os 400.000€ gastados na Selección Española: "é un investimento"

A partida destinada ao encontro do conxunto con Islandia en Riazor desatou as críticas de Marea e BNG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2022 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, defendeu a partida destinada polo goberno local ao partido disputado polas seleccións de España e Islandia o martes no estadio de Riazor. A preguntas dos xornalistas, ante as críticas de BNG e a Marea Atlántica por unha partida de case 400.000 euros, a rexedora asegurou que "isto foi un investimento". "Hai que valorar o retorno que ten recibindo moitísimos visitantes", recalcou.

Por outra banda, dixo que se trata dun evento dunha "magnitude tremenda" e que "reforza" a imaxe da Coruña. "Abrindo os informativos estes días", subliñou. Ademais, indicou que se sitúa na aposta do goberno local por "grandes eventos", sexan deportivos ou musicais. Mentres, agradeceu o apoio do público ao partido da Selección española, coa presenza de case 30.000 persoas, segundo indicou. Riazor ten capacidade para case 35.000.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey. CONCELLO DA CORUÑA
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey. CONCELLO DA CORUÑA

REFORMAS NA GRELA

O Concello da Coruña aprobou, en Xunta de Goberno, a adxudicación das obras de reurbanización e humanización da rúa Severo Ochoa. O obxectivo é mellorar a accesibilidade do polígono de Agrela. Así o expuxo a alcaldesa, Inés Rey, nunha rolda de prensa sobre os asuntos da Xunta de Goberno. Os traballos previstos afectarán a unha superficie total de 14.696 metros cadrados e suporán a renovación de firmes e beirarrúas. O prazo de execución desta actuación é de 12 meses.

Na mesma sesión, aprobouse a licitación da construción dun novo tramo do carril bici. Segundo a rexedora, este novo tramo de 1,2 quilómetros "dará continuidade a outros dous carrís xa existentes e mellorará e ampliará a rede existente na cidade".

A actuación ten un orzamento de 552.152 euros e abranguerá o lateral do estadio municipal de Riazor, pola avenida da Habana, enlazando en Gregorio Hernández co carril construído tras a retirada do viaduto e, polo outro lado, co Paseo Marítimo, á altura das Escravas, cruzando a avenida de Buenos Aires.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta