Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2022 | Actualizada ás 13:04
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na reunión da Xunta de Goberno, axudas por tres millóns de euros destinadas a once concellos da provincia. Segundo informou en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación, César Mosquera os municipios de Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Meaño, Moraña, Pontecesures, Porriño, Portas, Redondela e Silleda serán os beneficiarios destas subvencións do 'Plan Concellos'.
Para a comarca do Salnés foron aprobadas achegas para Cambados, 371.448 euros para a mellora de camiños rurais, e Pontecesures, 72.027 euros que servirán para mellorar o parque infantil de Carreiras. Na comarca de Pontevedra ascenden a 81.298 euros para que Portas realice o saneamento de augas residuais en Piñeiro e Currás, 77.309 euros para que Barro mellore o viario no lugar de Mane de Arriba e 107.894 euros para que Moraña pavimente camiños municipais.
Do mesmo xeito, tamén se aprobaron dúas achegas para Caldas de Reis que suman 295.922 euros, unha partida de 95.025 para a subministración dun vehículo todoterreo con cesta elevadora para o alumado público e 200.897 euros cos que se ampliará a rede de saneamento no tramo do Pazo-Santa María.
Á comarca do Deza chegarán 1.248.132 euros cos que Silleda asfaltará 14 camiños municipais. A Xunta de Goberno tamén aprobou recursos para O Morrazo cunha achega de 159.342 euros para que Bueu adquira unha parcela para uso como estacionamento e servizo de caravanas e autocaravanas.
Ademais, á comarca de Vigo chegarán 212.313 euros para que Redondela financie a achega municipal ao Plan ReacPon do proxecto de humanización da rúa Picota, Praza da Fonte do Mouro e contorna da Capela de Santa Mariña. Deste xeito a Deputación financia o total da actuación que ten un orzamento de 849.254 euros. Tamén foron aprobados 165.292 euros destinados á mellora do asfaltado e do saneamento en catro viarios municipais do Porriño e 60.500 euros para elaborar a cartografía SIG, ortofoto dixital e rede topográfica de Salceda de Caselas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.