Por gcdeportes | A Estrada | 11/06/2014 | Actualizada ás 19:55
Non é do rei, senón do país. A primeira edición da Copa Galega de fútbol gaélico celebrarase este sábado na Estrada. Serán ata doce horas ininterrompidas, con partidos cada media hora, sen descanso nin para comer. E será o último torneo do curso, o fin de festa a unha tempada na que se disputou a primeira Liga Galega de 11 xogadores (Estrela Vermelha foi o campión). No campo estradense da Baiuca daranse cita ata 8 equipos masculinos e 4 femininos, baixo a organización dos Irmandinhos, que ultiman os preparativos e prometen non defraudar.
Os oito equipos masculinos estarán divididos en dous grupos:
Grupo A: Estrela Vermelha, Pontevedra FG, Mecos FG e Compostela FG.
Grupo B: Irmandinhos A Estrada, Bráithreachas, Fillos de Breogán e Ártabros de Oleiros.
Na copa feminina, Fillas de Breogán, Mecas FG, Bráithreachas e Irmandinhas da Estrada.
As semifinais masculinas serán a partires das 18.15 horas e final ás 20.00h. A final feminina, ás 19.25 horas.
“Esperámosvos na Baiuca, será un torneo espectacular!”, é a chamada dos organizadores a participar da festa. Como en todos os partidos como locais dos Irmandinhos, haberá un punto de recollida de tapóns para Jose Manuel Cando, un rapaz de 8 anos de San Fins de Sales (Vedra), que padece diparesia espástica, un tipo de parálise cerebral que lle impide camiñar, e pola que necesita unha custosa operación (todosconjm.wordpress.com/eu-son-jose-manuel)
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.