Por Galicia Confidencial | Silleda | 30/07/2025 | Actualizada ás 16:27
Esta cita, moi esperada para os afeccionados ao deporte canino, está organizado pola asociación Galician Agility Festival en colaboración coa empresa galega de obstáculos para agility Galican Sport, e será a primeira vez en Galicia na que se alonga cinco días a competición.
Dende este martes 29 de xullo e ata o 2 de agosto ao mediodía celebraranse probas puntuables para o campionato de España, e xa o sábado pola tarde terá lugar a Copa Galican, cuxos premios ascenderán a 15.000 € en produtos da empresa.
PROBAS E SEMINARIOS
As probas contarán coa participación e 315 binomios (can e guía) de 22 países, como son España, Austria, Portugal, Francia, Alemaña, Reino Unido, Países Baixos, Bélxica, Polonia, República Checa, Luxemburgo, Italia, Suíza, Grecia, Estados Unidos, Arxentina, Colombia, Brasil, Panamá, Chile, Venezuela e Singapur.
Uns participantes que serán avaliados por catro xuíces top a nivel mundial que destacan por deseñar circuítos seguros para os cans e ao mesmo tempo con gran vistosidade, os cales son a alemá Stefannie Semkat, o sueco Jocke Tangfelt, o canario Héctor Ramírez e o suízo Philipp Glur.
A estas competicións súmanse distintos seminarios, os cales serán impartidos por recoñecidos nomes deste deporte canino, como son a francesa Kim Barreau, a italiana Verónica Odone, a alemá Dani Fischbach e o español Adrián Bajo, actual campión do mundo de agility en categoría “large”.
INAUGURACIÓN DA PISTA DE ADESTRAMENTO
O luns 28 de xullo pola tarde, a asociación organizadora, Galician Agility Festival, levou a cabo a inauguración da pista de adestramento que se empregará no recinto. Un espazo no que esta prepara previamente os eventos que celebra na feira, os cales están enmarcadas no acordo entre a entidade feiral e a asociación para a celebración de eventos periódicos no recinto.
Esta pista foi bautizada pola asociación co nome de Verónica Odone, agilitista que mantén unha estreita relación coa GAF e que impartirá tamén seminarios durante este mega evento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.