O Parlamento insta á Xunta a crear unha oficina de apoio, asesoramento e acompañamento de persoas refuxiadas

A iniciativa, do BNG, reclama ao Goberno central a dotación de recursos extraordinarios a disposición das CCAA e entidades locais para atender a desprazados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2022 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia insta á Xunta a crear unha oficina de apoio, asesoramento e acompañamento de persoas refuxiadas e demandantes de asilo que cheguen á Comunidade galega co fin de facilitar información e acompañamento ás persoas migrantes que se atopen nesta situación.

Así o acordaron o tres grupos con representación parlamentaria --PP, PSOE e BNG-- no marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego en relación a unha iniciativa presentada polo Bloque sobre as medidas que debe impulsar o Goberno galego en materia de acollemento de persoas refuxiadas en Galicia.

No texto acordado polos grupos parlamentarios, ademais, indícase que o Parlamento insta á Xunta de Galicia a traballar "de maneira coordinada co Goberno de España en materia de migración e política exterior" para, por unha banda, "reclamar do Goberno do Estado a dotación de recursos extraordinarios a disposición das comunidades autónomas e as entidades locais de tal maneira que se repartan de forma solidaria os esforzos para ofrecer unha correcta atención ás persoas desprazadas", así como a "promover a súa integración social e facilitarlle o acceso ao emprego".

No "marco das súas competencias", segundo se recolle na iniciativa lida pola defensora da mesma por parte do BNG, Olalla Rodil, a "Xunta creará unha oficina de apoio, asesoramento e acompañamento de persoas refuxiadas e demandantes de asilo que cheguen a Galicia dirixida a facilitar información e acompañamento ás persoas migrantes que se atopen nesta situación".

PLAN DE ACOLLIDA

O terceiro punto da iniciativa aprobada insta a "continuar traballando desde a coordinación co Goberno de España no plan de acollida para persoas refuxiadas que contemple, entre outras, medida de apoio xurídico", programas socio-laborais, educativos, medidas de apoio psicosocial, "con especial atención a colectivos vulnerables como mulleres, persoas con discapacidade e menores de idade".

Na defensa desta iniciativa, que contou co respaldo dos tres grupos parlamentarios, Rodil lembrou que catro millóns de persoas xa abandonaron o seu país tras a invasión militar rusa en Ucraína e Galicia necesita unha política de acollemento con medios materiais e humanos.

O único deputado que non votou nesta comisión, ningunha das catro iniciativas presentadas, todas elas da oposición, foi o popular Diego Calvo, que presidía a mesma, da que non forma parte, en ausencia da súa presidenta, Corina Porro.

Unha nai e os seus dous fillos refuxiados ucraínos á súa chegada a Santiago de C0mpostela
Unha nai e os seus dous fillos refuxiados ucraínos á súa chegada a Santiago de C0mpostela | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta