Justo Beramendi deixa o Museo do Pobo Galego logo de catro décadas

Será o próximo mes de maio, máis de 20 anos despois de tomar o mando da Xunta Reitora.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/04/2022 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

Será o próximo mes de maio, máis de 20 anos despois de tomar o mando da Xunta Reitora, cando Justo Beramendi se retire das súas obrigas no Museo do Pobo Galego, unha institución da que el mesmo foi cofundador na década dos 70 e á que dedicou toda unha vida.

Justo Beramendi
Justo Beramendi | Fonte: premiosdacriticagalicia.org

Así o dixo durante a súa participación este luns na firma dun convenio de colaboración coa Xunta, "o último" baixo a súa presidencia, destacou. "Xa me retiro, xa vai sendo hora", resolveu, confiando en que o seu sucesor poida seguir contando co apoio económico do Goberno galego sen o cal, dixo, non podería manterse o museo.

Beramendi (Madrid, 1941) retírase desta institución sen querer facer balance do seu papel --"iso que o fagan outros", apunta-- e coa convicción de que ao Museo do Pobo Galego lle quedan moitos retos por diante.

Entre eles, o máis importante, subliña, é a "substitución xeracional" á fronte da institución, alguén que "continúe a empresa co mesmo espírito co que se fundou", destaca, unha tarefa que "non é doada". "Os que empezamos isto, a maior parte están mortos, e os que non estamos mortos estamos cun pé no estribo", chanceou.

Do mesmo xeito, tamén se fai necesario un incremento do cadro de persoal do museo, "ridículo para o tamaño que ten", dixo Beramendi, así como "completar o programa museográfico". De todo iso encargarase xa o seu sucesor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta