Así é a vella ponte ferroviaria que embelecerá Pontevedra

O edil socialista Iván Puentes presenta unha obra que ten por obxecto integrar o tránsito peonil e ciclista na cidade.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 19/04/2022 | Actualizada ás 10:23

Comparte esta noticia

Unha nova ponte para Pontevedra. O Concello puxo en marcha o proxecto de rehabilitación e acondicionamento da antiga ponte do ferrocarril sobre o río Lérez, no contorno da praia fluvial, para convertela nunha estrutura de tránsito peonil e ciclista e integrala na futura vía verde entre Vilagarcía e Pontevedra.

Iván Puentes presenta a nova ponte peonil de Pontevedra
Iván Puentes presenta a nova ponte peonil de Pontevedra | Fonte: Concello de Pontevedra

A obra, impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, ten un orzamento de 200.159,99 euros, cofinanciado ao 80% pola UE con fondos Feder a través do Ministerio de Facenda do Goberno de España (160.127,99 euros) e nun 20% con fondos propios da Administración municipal (40.031,99 euros).

A contratación dos traballos seguirá un procedemento aberto, mediante un anuncio de licitación na Plataforma de Contratación do Sector Público, de xeito que calquera empresa interesada poida presentar a súa oferta. "O Servizo de Contratación do Concello está xa a traballar na elaboración deste anuncio", explicou Iván Puentes durante unha comparecencia posterior á Xunta de Goberno.  A partir de aí, as empresas disporán dun prazo de 20 días naturais para presentar esas ofertas.

E COMO SERÁ A PONTE?

O proxecto consistirá basicamente en dar un tratamento de formigón sobre a ponte do ferrocarril, que substituiría á pedra que a vía ten neste momento; na substitución da varanda actual para facer unha máis segura, e nunha dobre conexión da ribeira esquerda do río Lérez co contorno da praia fluvial: unha cun itinerario accesible a través dunha senda en zigzag cun pavimento de formigón máis brando (semellante ao que hai nas sendas fluviais), muros de mampostería e pedra para salvar os desniveis, conter as terras e pechar esa senda, e unha escaleira de madeira que subiría directamente desde a zona na que se atopan a cafetería e os baños da praia fluvial ata a cota da antiga vía ferroviaria nese mesmo punto.

Trátase dunha primeira actuación para embelecer a cidade que se completará cos tres millóns de euros concedidos para o Plan de Sostibilidade Turística e o BIC das Aceñas do Lérez. "Con outro millón de euros de fondos europeos concedido para investir en Bens de Interese Local (BIC) e que vén a través da Xunta, poderemos realizar a mellora dos salóns do Lérez, na zona das Aceñas, xa na parte máis próxima á ponte nova do ferrocarril", matizou o concelleiro do PSOE.

Así pois, Iván Puentes considera este proxecto "como un primeiro paso para algo moito máis ambicioso para o que o Concello xa ten concedidos fondos e que lle dará o sentido definitivo a esta obra que se acometerá cos fondos Edusi".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta