Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/04/2022 | Actualizada ás 16:13
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de seis anos de cárcere e de oito anos de liberdade vixiada, imposta pola Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, a un home por abusar sexualmente e de forma continuada, en 2011, da neta da que entón era a súa parella. Cando sucederon os feitos, a menor tiña entre sete e oito anos.
A Sala do Civil e Penal considera acreditado, do mesmo xeito que o tribunal de primeira instancia, que o acusado aproveitaba as súas estancias no domicilio da avoa da menor ou cando ambas se desprazaban ao seu piso para realizarlle aos nena tocamentos na zona vaxinal. Contra o fallo cabe interpor recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
Os maxistrados subliñan que a versión da vítima, quen denunciou os feitos cando tiña 15 anos, está corroborada de forma periférica por diversos testemuños, así como polo diario da afectada, no que escribiu que o condenado "lle facía cousas", pola declaración da pediatra, quen confirmou a existencia do diario, e pola declaración da psicóloga do concello á que a afectada lle contou os abusos.
Ademais, o tribunal tivo en conta o testemuño do seu actual terapeuta, quen refire que na súa intervención socioeducativa coa vítima "aínda non saíu o tema dos abusos porque non quere afrontalo", ademais das declaracións periciais das psicólogas do Imelga, quen confirmaron "tanto o dano psicolóxico padecido pola menor como a súa credibilidade".
"Claro que ao recorrente non lle parece que ningunha delas teña suficiente relevancia para corroborar o testemuño da vítima, pero iso é unha mera apreciación subxectiva e interesada da parte", destaca o alto tribunal na sentenza, na que tamén recalca que a pena "non só está afastada do máximo, senón tamén do mínimo" imposto para este tipo de delitos, algo que considera "perfectamente motivado, en razón da duración temporal dos abusos, e, sobre todo, da escasa idade da nena e da situación convivencial coa avoa, con presenza regular do procesado na vida cotiá da menor".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.