Unhas xornadas para docentes contra a "ausencia" da memoria histórica nas aulas

O vindeiro sábado terá lugar a segunda proxección do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 19/04/2022 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Memoria Histórica, organizou as xornadas 'A (des)memoria nas aulas', un foro para que profesorado de toda a provincia poida coñecer recursos, ideas e proxectos para abordar a Guerra Civil e a ditadura franquista nos centros educativos.

Segundo explicou a deputada María Ortega, estas xornadas dan resposta á ausencia da memoria histórica nos dentros educativos e no currículo escolar, salvo que o profesorado de Historia teña vontade de dar un enfoque á materia "que recolla a memoria das mulleres e da represión".

Ortega sinalou que, para a institución provincial, é importante buscar "espazos alternativos" para captar profesorado con vontade de traballar esta cuestión co seu alumnado, ben nas tutorías, ben na biblioteca (a través dalgunha lectura), nos grupos de igualdade, clubs de debate, etc., "tecendo redes de memoria".

Deste xeito, realizaranse unhas xornadas de dous días, 29 e 30 de abril, en colaboración coa Universidade de Vigo, que serán gratuítas para o público, previa inscrición (terán lugar no edificio administrativo provincial, antiga Escola Normal) e que tamén poderán seguirse a través da páxina web da Deputación.

O 29 de abril, ás 16,30 horas, intervirán o investigador Xosé Álvarez Castro, que falará sobre 'De que falamos cando falamos de memoria'; o ilustrador e editor Kiko Dasilva, e as escritoras Eva Mejuto e Xulia María Barros, que falarán sobre a 'Memoria Ilustrada de San Simón'. A continuación, o escritor Manuel Rivas ofrecerá o relatorio 'As doce pereiras, as dez maceiras e as corenta figueiras' e, finalmente, proxectarase o documental 'Dores', con presenza da súa directora, Coral Piñeiro, e da produtora e guinista, Maite Martínez Prieto.

O sábado, a xornada dedicarase aos recursos para traballar sobre a memoria histórica nas aulas, con lecturas e propostas audiovisuais, a cargo de Pilar Sampedro, especialista en literatura infantil e xuvenil; María Xesús López Escudeiro, investigadora; e a escritora e docente Susana Aríns.

Nesa segunda xornada tamén se exporán diferentes experiencias nas aulas, entre eles os proxectos 'A memoria das mulleres' (IES Sánchez Cantón, IES Frei Martín Sarmiento); 'Memorias Cruzadas' (IES A Cachada de Boiro); e 'Memorias da Illa' (CEIP Reboreda de Redondela). Así mesmo, o sábado haberá unha viaxe e unha ruta pola Illa de San Simón, guiada polo docente e especialista en memoria histórica Matías Rodríguez da Torre.

CICLO MESTRE MATEO

Por outra banda, a Deputación de Pontevedra informou de que o vindeiro sábado terá lugar a segunda proxección do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola entidade provincial e a Academia Galega do Audiovisual. Así, poderá verse o documental 'A virxe roxa', nos municipios de Ponteareas, Poio, Redondela, Cambados e Forcarei.

Ademais deste filme, ao longo do resto do ano proxectaranse o resto de películas premiadas e finalistas dos Mestre Mateo 2022: 'A poeta analfabeta', 'Welcome to ma maison', 'Ou gran Camiño', 'Tres', 'Cuñados', 'Jacinto', e 'Malencolía'. 'A virxe roxa', unha produción de Recrea Films con dirección de Marcos Nine, conta a historia do asasinato de Hildegart Rodríguez, a mans da súa nai, en 1933. Hildegart era un nena prodixio da política, unha precoz intelectual e unha pioneira do feminismo en España.

Escolares debuxando nunha aula.. GOBERNO VASCO
Escolares debuxando nunha aula.. GOBERNO VASCO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta