O papaventos viaxeiro

Remato a lectura de "Velaí vai o papaventos", de Celia Díaz Núñez e confirmo, máis unha vez, que a imaxinación e a fermosura unidas son os vimbios mellores cos que tecer as historias infanto-xuvenís, e non só. Crítica de Armando Requeixo.

Por Armando Requeixo | Ames | 24/06/2014 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Velaí vai o papaventos, Celia Díaz Núñez, Ourense, ed. de autor, 2014

Velaí vai o papaventos
Velaí vai o papaventos

552139_396151673825712_999837618_n

Sabe ben desta alquimia feliz a escritora nacida no Páramo (1961), criada en Quiroga e profesora en Ourense, pois nos últimos anos deu á luz outros meritorios volumes como Adeliña (2004), Cataventos e Cía ou a verdadeira historia de Amanda, a princesa, e Leonardo, o poeta (2008) e aínda Rugando (2012), traballos que alterna co ensaio literario (velaí as súas Voces da Terra. Quiroga e os seus escritores, 1995).

Teño escrito noutras ocasións que os textos de Díaz Núñez cativan polo seu poder de suxestión, a beleza das emocións que son quen de verbalizar e a capacidade para inducir á reflexión sobre os máis fondos temas dende a maior das naturalidades. Estas son, tamén, as razóns que fan de Velaí vai o papaventos unha creación amable e atractiva, que convida á esperanza e ao gozo de vivir.

552139_396151673825712_999837618_n

Celia Díaz Núnez
Celia Díaz Núnez
A escritora Celia Díaz Núñez // Foto: AELG

Un papaventos chamado Berto, unha boneca de nome Carlota, un oso coñecido como Celeste e o pallaso Tristán son os personaxes principais dunha historia na que o afán por coñecer e viaxar, por ser autenticamente libre e, sobre todo, querer os amigos e multiplicalos resultan ser os móbiles principais .

Berto séntese preso na casa da nena que o atesoura xunto aos outros xoguetes amigos e pídelles a estes que lle axuden a se botar por unha ventá para fuxir e ir coñecer mundo. Arrinca así esta peza de teatro que, en tres actos e unha manchea de breves escenas, vai dándonos conta do periplo viaxeiro do papaventos Berto e todo o que polos ceos vai atopando (o sol, a lúa, unha nube, unha aguia, unha andoriña, o vento, as estrelas, unha bolboreta). Teatro parafabulístico, con ensinanzas evidentes pero sutís, que calan nas súas mensaxes dende a tenrura das situacións e os motivos.

Lendo Velaí vai o papaventos un non pode menos que lembrar a Clavileño, non só na súa fonte cervantina, senón tamén nas adaptacións dos vellos libros escolares Senda de Santillana, nas que o cabalo alíxero deixaba paso noutros cursos a Toni e o seu papaventos ou ao pallaso Totó. Esta nova peza de Díaz Núñez homenaxea esa vella tradición para reformulala e levala alén, con orixinalidade e acerto manifestos, logrando canxar unha historia chea de sutilezas, sentires e saberes.

Non quero rematar sen parabenizar a ilustradora do volume, Marina Seoane, tamén ela experimentada artista que deseñou para este libro uns magníficos debuxos que enchen de colorido e luz o xa de por si ilusionante texto de Díaz Núñez. A fusión de ambas propostas remata por confluír nun imantador volume, que chama por un tanto pola súa textualidade coma polas imaxes coas que se acompaña.

portada
portada
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 BmPJRjSLx95k

Perda coidado, sr. Ferrole1n: o risco de que eses daescrebredos que lle racharon co coche f3 bilingfce nos cheguen a gobernar ou sequera a influir poledticamente e9 directamente proporcional e1 posibilidade de que Botedn doe a totalidade do seu patrimonio para loitar contra a pobreza no mundo e se nos meta a franciscano, ou que a General Motors modifique os seus estatutos para loitar decididamente contra o cambio clime1tico.