'Agora vou cantar eu', o homenaxe do Consello da Cultura Galega ás cantareiras galegas

O volume é dobre: inclúe unha selección de textos e un estudo crítico e ilustracións dalgunhas cantareiras con QRs para escoitalas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2025 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou este mércores a súa publicación anual de celebración do Día das Letras Galegas, 'Agora vou cantar eu', homenaxe ás mulleres creadoras e transmisoras da poesía popular cantada. A vicepresidenta da institución, Dolores Vilavedra, foi a encargada de presidir a rolda de prensa de presentación dunha obra coordinada e editada pola antropóloga e musicóloga Beatriz Busto Miramontes, tamén presente.

"O libro recolle a grandeza desta celebración, que non busca un nome, senón unha lexión de mulleres poetas e cantareiras, anónimas e sen obra nun volume que traslada ese espírito colectivo", destacou Vilavedra. Para Busto, a obra serve de homenaxe a "todas aquelas mulleres que cantaron, tocaron e bailaron, mantiveron en circulación a nosa cultura popular e aseguraron a súa supervivencia".

O volume divídese en dúas partes. A primeira, unha selección de textos e un estudo crítico a cargo desta investigadora xunto cunha antoloxía que profunda no Cancioneiro popular galego para seleccionar textos recolleitos nos anos 80 por Dorothe Shubarth e Antón Santamarina. A partir desta antoloxía, Busto selecciona atendendo a varios criterios: que só se recollan textos cantados e enunciados por mulleres; que só se inclúan coplas que estean íntegra ou maioritariamente cantadas en galego e que permitan percibir a enorme cantidade de mulleres cantareiras que había e hai en toda Galicia.

ILUSTRACIÓNS DAS CANTAREIRAS

A segunda parte da obra compóñena unha ducia de ilustracións realizadas por Cestola na Cachola (Xoana Almar e Miguel Peralta) con códigos QR desde os que se poden ver e escoitar ás 14 cantareiras, así como seguir os textos a través das transcricións. Beatriz Busto guiouse para esta selección por criterios de relevancia musical, vocal e social; a variedade de músicas e textos que representen a riqueza da produción oral, lírica e musical galega; e o equilibrio territorial.

O libro é unha edición especial con 500 exemplares numerados, pero tamén está dispoñible unha edición dixital de acceso libre, que se pode descargar na páxina web creada polo CCG para esta efeméride. "O libro enténdese como un proxecto transmedia, por iso todo o contido está recollido nun espazo web accesible", explicou o coordinador da Unidade de Divulgación e Contidos Dixitais do CCG, Manuel Gago.

Presentación da obra 'Agora vou cantar eu', do Consello da Cultura Galega. CCG
Presentación da obra 'Agora vou cantar eu', do Consello da Cultura Galega. CCG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta