Os parques eólicos, primeira causa de morte dos morcegos controladores de pragas

En Galicia existen un total de 25 especies de morcegos, 11 delas incluídas no catálogo galego de especies ameazadas. A asociación Morcegos de Galicia pide para eles máis protección e alerta de que a eólica compromete o seu futuro.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2022 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

Son moitos os medos e falsas crenzas que rodean estes animais nocturnos que buscan refuxio nas covas, nas árbores ou mesmo en igrexas, casas e outras construcións humanas. Estigmatizados dende sempre a través das lendas, a pandemia da covid colocou os morcegos, ademais, como inimigos número un das persoas, ao atribuírselle seren os transmisores do virus que condicionou as vidas de todo o mundo desde o 2020. Con todo, estes mamíferos voadores cumpren funcións moi valiosas dentro dos ecosistemas, unha cara máis descoñecida que a comunidade científica e ecoloxista procura reivindicar fronte ás diversas ameazas que sofren. 

Morcego dunha especie ameazada. ENDESA
Morcego dunha especie ameazada. ENDESA

En Galicia existen un total de 25 especies de morcegos, todos eles insectívoros, polo que se erguen como os "principais reguladores dos insectos nocturnos voadores". "Sen o seu control biolóxico, moitas destas especies, entre as que están infinidade de avelaíñas, poden converterse en praga", explica o biólogo e secretario da asociación Morcegos de Galicia, Roberto Hermida. Non son poucos, logo, os agricultores que apostan por favorecer as poboacións de morcegos como método para rematar coas pragas das vides ou do arroz fronte ao emprego de métodos químicos. Na man destes pequenos animais está, tamén, o freo da procesionaria do pino ou da couza guatemalteca que acaba coas patacas en numerosas zonas de Galicia.

Ao control de pragas súmanse outros servizos ecosistémicos como a dispersión de sementes ou a polinización de certas plantas. "O seu papel na natureza é moi importante, tanto que mesmo se reflicte na propia economía", sinala Hermida. Este biólogo é un dos maiores expertos das poboacións de morcegos en Galicia e está á fronte da única asociación que se ocupa de forma específica do seu estudo, conservación e divulgación no país. Todo comezou no ano 2004, cando un grupo de persoas expertas se xuntou para traballar diversos ámbitos do coidado da natureza. Porén, pouco a pouco foron enfocándose no estudo concreto destes mamíferos, e así foi como adoptaron finalmente o nome Morcegos de Galicia para adentrarse de cheo neste mundo.

A AMEAZA DOS PARQUES EÓLICOS

Ademais de desenvolver traballos de investigación sobre o campo para coñecer onde e como viven estas especies, Morcegos de Galicia centra boa parte dos seus esforzos na maior ameaza da actualidade para os morcegos: os parques eólicos. "Trátase da principal causa de morte, con cifras que son escandalosas", remarca Hermida. Se ben non hai rexistros de cantos morcegos chegan a falecer a causa destas instalacións en Galicia, manéxanse datos que corroboran a gravidade da problemática noutros espazos: estimacións desenvolvidas pola Estación Biolóxica de Doñana sinalan que morren anualmente uns 600.000 morcegos no conxunto da península por mor dos parques eólicos

A afectación, explica Hermida, é desigual. "Existe unha maior incidencia naqueles parques onde hai fluxo migratorio de morcegos e en determinadas épocas do ano, sobre todo ao final do verán, cando estas especies volven coas crías". Estes mamíferos, ao igual que acontece coas aves, poden bater coas aspas dos eólicos e falecer no momento, mais ás veces nin sequera é preciso o contacto. "Existe o que se coñece como barotrauma: as aspas pasan a tal velocidade que provocan un cambio moi brusco de presión atmosférica que provoca a rotura dos vasos sanguíneos internos. Por iso é habitual atopar morcegos mortos sen feridas externas", prosegue Hermida.

Porén, o impacto comeza xa no momento da construción do parque, que modifica o propio hábitat dos morcegos a través da creación de pistas, de liñas de evacuación e da tala de zonas de arboreda. Fronte a estas ameazas, Morcegos de Galicia vén de instar a Xunta de Galicia a desenvolver unhas "directrices claras" - de acordo cos protocolos desenvolvidos pola Asociación Española para la Conservación y para el Estudio de los Murciélagos (Secemu) y por Bats and Wind Energy Cooperative - para o desenvolvemento dos estudos de impacto ambiental que se realizan antes da autorización dun parque eólico.

"Ata agora era un caos, cada empresa facía á súa maneira. Nós procuramos revisar todos os estudos que van saíndo e decatámonos de que a maior parte deles non alcanzan unha calidade aceptable", explica. Por iso, dende Morcegos de Galicia enviaron á Consellería de Medio Ambiente un documento onde se sinalan as directrices para avaliar a afectación medioambiental dun parque eólico sobre o terreo. "Nunca nos chegou a responder, pero si que observamos que a partir das nosas alegacións e desta proposta, piden ás empresas promotoras requirimentos máis concretos e na liña do que pediamos", di Hermida. 

COMO SE MIDE O IMPACTO DUN PARQUE SOBRE OS MORCEGOS?

Quen se encarga da avaliación de impacto ambiental son, habitualmente, consultoras medioambientais que contrata a promotora eólica. Unha delas é Ideas Medioambientales, que traballa a nivel estatal e veñen de desenvolver o estudo do proxecto de parque eólico Tesouro, promovido por Enel Green Power e tramitado polo Goberno español sobre A Capela e As Pontes. "A cuestión non é tanto o diñeiro como a que obrigan as administracións ás empresas contratistas. Ti podes propoñer facer seguimentos do impacto sobre as especies no terreo, pero eles poden dicir: 'ai!, o Goberno non me obriga", explica Xurxo Piñeiro, consultor ambiental.

Segundo relata, existen catro tipo de estratexias para estudar o impacto nos morcegos: unha estación gravadora estática durante un ano, e outras gravadoras en cada punto de implantación potencial dun muíño eólico. A iso súmase a gravación en percorrido dende un vehículo para cubrir toda a superficie de estudo e a busca de refuxios posibles dos morcegos na zona. "O máis frecuente cando o impacto é alto pasa por mover as potenciais zonas de impantación do aeroxerador, incluso a posteriori se se documentan danos importantes", explica Piñeiro. 

No caso en concreto do Parque Eólico Tesouro, por exemplo, Piñeiro informa de que "non se mostrou unha incidencia especialmente destacable sobre morcegos". No terreo detectáronse "5000 rexistros en todo o ano" coas diferentes metodoloxías que manexan e tras medio cento de noites de gravacións e 12 horas de filmación en percorrido. "A gran maioría avistada pertence á especie máis común, e aparecen moi poucos rexistros doutras tres especies que están no catálogo galego de especies ameazadas". O máis "limitante" para o desenvolvemento dun parque eólico sería, segundo explica, a constatación dunha zona de reprodución de morcegos no "entorno inmediato".

PIDEN MAIOR PROTECCIÓN

Dende Morcegos de Galicia denuncian que a Xunta, a pesar de estaren 11 especies do país no catálogo galego de especies ameazadas, non cumpre as súas obrigas legais: desenvolver un plan de conservación dos morcegos e revisar e presentar ante Europa un informe sobre o estado de conservación das especies cada seis anos. "As especies cavernícolas, xunto coas forestais, son as máis ameazadas. Todas as colonias que coñecemos van a menos, e algunhas incluso desapareceron", relata Hermida, que pide á Xunta protexer os refuxios de morcegos e facer un bo seguimento do impacto dos eólicos sobre estes animais, cuxas taxas de reposición son "moi baixas".

En Morcegos de Galicia preocupan especialmente os parques eólicos implantados e proxectados sobre a montaña oriental galega. "Son espazos moi valiosos que acollen poboacións de morcegos moi interesantes, con especies que voan moi alto, algunhas migratorias, que se ven especialmente ameazadas", sinala. "Ante o avance tan potente da eólica, os morcegos quedan bastante comprometidos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta