A Xunta insiste na súa chamada á "responsabilidade e tranquilidade" a bateeiros e percebeiros

Mantén aberta a posibilidade de autorizar a extracción de mexilla durante todo o ano.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/04/2022 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, volveu a insistir na súa chamada á "responsabilidade e a tranquilidade" aos profesionais das bateas e do percebe ante as tensións polo conflito da extracción da mexilla (cría de mexillón), que poderá recollerse ata o próximo 15 de xuño.

Arroaces arredor de bateas
Arroaces arredor de bateas | Fonte: BDRI.

Ante posibles novos episodios de enfrontamentos entre ambos os colectivos, a responsable de Mar incidiu na necesidade de traballar "en harmonía" para "trasladar ao Estado e Europa" que en Galicia se queren facer "as cousas" e que se está "cumprindo" unha sentenza xudicial que obriga a xestionar os recursos naturais "sen prexudicar o medio ambiente".

Este venres mativo en Santiago un encontro con representantes da cadea mar-industria. Alí, asegurou que a Xunta mantén aberta a posibilidade de autorizar a extracción de mexilla durante todo o ano como "fórmula" para adaptarse ás condicións do sector das bateas.

Tras incidir en que o proceso de revisión das zonas vedadas está aberto para estudar a posibilidade de abrir áreas ata agora prohibidas, Quintana subliñou a súa petición de "máxima tranquilidade" para os dous sectores implicados, aos que pide colaborar para garantir a "convivencia".

Así, incidiu en que é preciso "buscar novas fórmulas" para o cultivo de mexilla e, deste xeito, non depender de forma exclusiva das condicións naturais. "Teñen toda a miña disposición", aseverou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta