Por X.M. Fernández | Allariz | 27/04/2022 | Actualizada ás 09:00
Do 11 ao 19 de xuño desenvolveranse en Allariz preto de cincuenta actividades. Música, teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as tradicionais saídas do boi centrarán, un ano máis, a programación da Festa do Boi 2022.
A Asociación Cultural Xan de Arzúa aposta un ano máis por potenciar o carácter cultural e histórico da festa con actividades como o trato do boi, a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios ou o encontro no Castelo. Arredor de 500 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi un ano máis.
Haberá tamén actividades pensadas para os cativos e cativas, a maioría delas o martes e mércores da semana festiva. Así, pois, poderán gozar co Pistaboi, as Saídas Infantís do Boi, os Boicreques ou o concerto de Ce Fantasma. Ademais a Asociación en colaboración coa concellería de Cultura do Concello de Allariz realizará obradoiros no CEIP Padre Feijóo de Allariz os días previos ao comezo da Festa.
Unha actividade que non podería falta na programación é a Cea Popular do xoves no Campo da Barreira. Nela participan os/as veciños/as de Allariz e as persoas que colaboran coa súa achega e que fan posible que ano tras ano se celebre en Allariz a Festa do Boi.
SAÍDAS DO BOI E MÚSICA COMO PROTAGONISTAS
Este ano realizaranse doce saídas do boi durante os nove días da festa, anunciando cada saída con 6 bombas de palenque e unha soa avisará da súa fin. Dende a Asociación Cultural Xan de Arzúa lembran a importancia de seguir os consellos escritos no programa, así como nas entradas das rúas do casco histórico por onde se desenvolven as saídas.
A música, como é habitual, terá unha importante presenza contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestra, ademais dos tradicionais Zés Perreiras, entre outros.
A Festa do Boi deste ano conta cun orzamento de 75.000 euros e está sufragado pola achega voluntaria de veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta se lles pide contribución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.