Feijóo formaliza "emocionado" a súa renuncia tras 13 anos de mandato

O ata agora presidente da Xunta saca peito da loita contra o "nacionalismo intransixente" e ve posible a conquista de Madrid. A súa marcha activa o proceso de substitución no ámbito institucional, que finalizará coa investidura de Alfonso Rueda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2022 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, formalizou, "emocionado pero tranquilo", a súa renuncia como máximo mandatario autonómico, o que activa o proceso da súa substitución no ámbito institucional, que finalizará coa investidura e toma de posesión do seu sucesor, o actual vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, quen completará o proceso a mediados de maio ao designar aos membros do seu Gabinete.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo (i), e o titular do Parlamento galego, Miguel Santalices, o día en que comunicará a súa renuncia ante o xefe do Lexislativo galego, no Pazo de Raxoi, a 29 de abril de 2022, en Santiago de Compostela.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo (i), e o titular do Parlamento galego, Miguel Santalices, o día en que comunicará a súa renuncia ante o xefe do Lexislativo galego, no Pazo de Raxoi, a 29 de abril de 2022, en Santiago de Compostela.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

O quinto presidente da historia da Autonomía de Galicia converteuse este venres 29 de abril no primeiro que renuncia ao seu cargo. Fíxoo nos prazos que avanzara, un mes despois de tomar as rendas do PP estatal; e como marca o procedemento, mediante a entrega dun escrito de renuncia ao xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, co que se reuniu na Cámara autonómica.

Feijóo, que despois participará nunha reunión extraordinaria do Consello da Xunta antes de ler unha declaración institucional para comunicar a súa dimisión á sociedade galega, chegou pouco despois das 9,45 ao Pazo do Hórreo, onde saudou a xornalistas e fotógrafos que estaban ás portas esperando a súa chegada. Visiblemente emocionado, subiu á sala de reunións do Grupo Parlamentario Popular para despedirse dos seus deputados. Pouco antes chegaran membros do seu equipo.

XUSTIFICACIÓNS E LOITA CONTRA O NACIONALISMO

Feijóo proclamou na súa declaración institucional tras presentar a súa carta de dimisión ante o Parlamento que "nunca" concibira "pronunciar estas palabras de renuncia" nestas circunstancias. "Pero tampouco cheguei a imaxinar que a política en España, o servizo público, o interese xeral, ía ser refén durante tanto tempo da frivolidade, da popularización e do populismo que se instalou", apuntou, xustificando así a súa marcha a Madrid.

E por iso, na súa despedida institucional, na que puxo fin á súa "andaina" xunto á Praza do Obradoiro, lugar que é "meta" e onde "conflúen" os camiños pero tamén é lugar de "comezo", proclamou: "Non quero nin podo compartir a premisa de que no conxunto de España é imposible o que si foi posible en Galicia", comunidade que gobernou 13 anos tras lograr catro maiorías absolutas consecutivas desde 2009.

Feijóo, que salientou no seu discurso a "Galicia cordial segue en pé" e "afastada de nacionalismos intransixentes" e "centralismos doutros tempos", tamén puxo como exemplo, nas súas palabras, unha Galicia "sen trincheiras": "Teño fe en que o conxunto de España tamén volva facelo".

O presidente da Xunta, que este sábado pasará a estar formalmente en funcións, tamén incidiu en que Galicia é unha proba dunha España das autonomías que "lonxe de desvertebrar" o Estado, "axuda a cosela". Non en balde, nas súas palabras manifestou estar "orgulloso dun pobo que rexeitou a fragmentación". Distánciase así de Vox e o seu programa de aberto centralismo. 

Nun discurso sen preguntas, tras celebrar un Consello de Goberno extraordinario xunto a todos os seus integrantes, e tras a fotografía de familia na Praza do Obradoiro, Feijóo culminou a súa despedida coa súa lema dos últimos anos: "Galicia, Galicia, Galicia".

"NON IMPORTA ONDE, GALICIA SEMPRE"

Feijóo presentou ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a súa dimisión á fronte da Xunta cunha carta na que explica que, aínda que as súas novas funcións (líder do PP nacional) non son "incompatibles" coa titularidade do Goberno autonómica, esta función "merece unha dedicación absoluta".

A misiva entregada inclúe así mesmo unhas palabras manuscritas do presidente dimisinario, cesamento que será efectivo coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e Boletín Oficial do Estado (BOE) previsiblemente este sábado. "Grazas, moitas grazas a todos os galegos por darme a honra de servir á Terra Nai. Non importa onde, Galicia sempre", anota de puño e letra, do mesmo xeito que rubrica a man.

No texto, explica tamén que é "consciente" da necesaria dedicación "absoluta" despois de 13 anos en que exerceu --engade-- coa "maior entrega, responsabilidade e lealdade", como así consta tamén no diario de sesións do Parlamento do pasado mércores, a súa última sesión de control --"derradeira", como el mesmo pronunciou--.

"Nunca poderei esquecer a confianza depositada en min nin devolver o agarimo que recibín de Galicia nestes anos", remarca na súa misiva ao presidente do Lexislativo, que esta mesma mañá comunica telematicamente esta dimisión ao rei Felipe VI e ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez. A man tamén, no encabezado desta carta con data do 29 de abril de 2022, Feijóo engade ao formalismo de "estimado presidente" un "benquerido --apreciado-- Santalices".

DEIXA A XUNTA 13 ANOS E 11 DÍAS DESPOIS, TRAS CATRO MAIORÍAS ABSOLUTAS

Feijóo deixa a Xunta 13 anos e 11 días despois da súa primeira toma de posesión, o 18 de abril de 2009. Foi ese ano no que tivo a súa primeira vitoria electoral cunha maioría absoluta axustada que lle permitiu expulsar de San Caetano á coalición formada por PSdeG (con Emilio Pérez Touriño como presidente) e BNG (con Anxo Quintana como vicepresidente).

O dos Peares revalidou e ampliou as súas maiorías absolutas noutros tres comicios autonómicos consecutivos, o último celebrado en xullo de 2020, nun contexto marcado pola pandemia. Aínda que alcanzou a Manuel Fraga en número de vitorias consecutivas, non chegará a cumprir os case 16 anos que o presidente fundador do PP estivo á fronte do Executivo autonómico.

Por mor da crise coa presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, que resolveu a etapa de Pablo Casado á fronte do PP, Feijóo decidiu dar o salto á política estatal e dar por pechado o seu mandato en Galicia, onde seguirá en funcións, xunto cos seus conselleiros, ata que Rueda sexa investido como novo presidente galego.

Unha vez a súa dimisión se faga efectiva, Feijóo e os seus conselleiros entrarán en funcións ata que o seu sucesor tome posesión, previsiblemente o sábado 14 de maio. Antes, haberá que cumprimentar os trámites parlamentarios correspondentes e celebrar a sesión de investidura de Alfonso Rueda como novo xefe do Executivo.

RELOXO DA SUCESIÓN ACTIVADO

A dimisión de Feijóo activa o reloxo parlamentario da sucesión, de maneira que tras a notificación telemática esta mesma mañá de venres que o xefe do Lexislativo autonómico, Miguel Santalices, realizará ao rei Felipe VI e ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, prevé consultar aos grupos do arco galego --PPdeG, BNG e PSdeG-- as súas posturas e o nome para a investidura da persoa que ocupará a Presidencia ata 2024.

Aínda que o prazo para a substitución do mandatario autonómico é de máximo un mes, non está previsto que se esgoten os tempos regulamentarios da Cámara e a substitución poderá executarse en apenas dúas semanas, aínda que son preceptivos pasos como escoitar os portavoces dos grupos da oposición, do mesmo xeito que ao comezo de cada lexislatura. A renuncia do presidente da Xunta farase efectiva coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE), previsiblemente este sábado.

QUINTO PRESIDENTE AUTONÓMICO

A primeira vitoria electoral de Feijóo en 2009 converteuno no quinto presidente da historia da Autonomía. Tiña 47 anos entón e foi o máis novo dos elixidos nas urnas, aínda que o socialista Fernando González Laxe --que accedeu á Xunta tras unha moción de censura-- tiña 35 anos cando se converteu en xefe do Goberno galego.

O dos Peares substituíu na Presidencia da Xunta ao socialista Emilio Pérez Touriño, quen gobernou durante unha soa Lexislatura en coalición co BNG (con Anxo Quintana como vicepresidente). Fíxoo entre 2005, cando caeu a hexemonía dos populares en Galicia durante case 16 anos --tras perder Manuel Fraga a maioría absoluta--, e 2009.

O presidente fundador do PP liderara antes de Touriño a Comunidade, tras lograr en 1989 a súa primeira vitoria electoral. Desde entón sucedéronse outro tres novas maiorías absolutas do PPdeG nas eleccións de 1993, 1997 e 2001. O político vilalbés foi o segundo dirixente popular en presidir a Xunta xa que, nas primeiras eleccións galegas de 1981, o PPdeG superou ao partido centrista ao obter 26 dos 71 deputados do hemiciclo, polos 24 de UCD, co que Gerardo Fernández Albor converteuse no primeiro presidente da autonomía galega.

DELEGADO DO GOBERNO

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, considera que o xa presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, márchase "votando en contra de Galicia" co 'non' do PP nacional, que el mesmo dirixe, ao real decreto lei de medidas contra a crise que este xoves aprobou o Congreso. Así se pronunciou Miñones despois de que Feijóo formalizase este venres ante o Parlamento galego e anunciase publicamente a súa dimisión como xefe da Xunta para dar o salto á política estatal como novo líder do PP.


O alcalde de Vigo, Abel Caballero, desexou este venres "o mellor no persoal" a Alberto Núñez Feijóo, tras presentar este a súa dimisión como presidente da Xunta, aínda que insistiu en que foi "o peor" presidente dun goberno galego para a cidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Teremos que volver remitir ao novo Presidente Rueda o Proxecto de Recuperación de Galicia http://gamela00.blogspot.com/2020/1...