Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/04/2022 | Actualizada ás 11:00
O Diario Oficial de Galicia (DOG) e o Boletín Oficial do Estado (BOE) publican este sábado, unha vez comunicado ao Rei Felipe VI e á Moncloa, a renuncia do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, como presidente da Xunta de Galicia. Previamente, este venres, formalizara a súa dimisión coa entrega dun escrito ao xefe do Lexislativo galego, Miguel Santalices.
Como seguinte paso legal, os boletíns oficiais galego e estatal publican o real decreto no que, de conformidade co disposto no artigo 15.2 do Estatuto de Autonomía, se declara o seu cesamento a petición propia. O decreto, que subscribe o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, péchase co habitual agradecemento aos "servizos prestados".
Tras formalizar a súa renuncia no Parlamento e manter unha reunión extraordinaria do Consello da Xunta, Feijóo leu este venres unha declaración institucional na que trasladou á cidadanía a súa decisión e reivindicou que deixa unha "Galicia cordial" marcada pola "unidade" e a "moderación".
Así mesmo, deixou unha mensaxe coa que xustifica a súa marcha para liderar o PP estatal: "Non podo compartir que en España é imposible o que si foi posible en Galicia". Todo iso expresouno nun acto que, audenominándose como "discípulo de Galicia", culminou cun saúdo especial ao que será o seu sucesor institucional e no PPdeG: o seu número dous na Xunta, o vicepresidente primeiro, agora en funcións, Alfonso Rueda.
15 DÍAS EN FUNCIÓNS
Tras o paso dado por Feijóo, tanto el como o seu Goberno quedan en funcións ata que tome posesión o seu sucesor, o que ocorrerá, unha vez resoltos a investidura e os trámites parlamentarios previos no Pazo do Hórreo, a mediados de maio.
Ata que Rueda tome posesión do seu cargo e nomee o seu Goberno, o actual Gabinete seguirá en funcións, coas súas actividades e decisións limitadas e axustándose á Lei de transparencia e bo goberno impulsada no ano 2016. A norma establece que o Goberno deberá limitar a súa xestión ao despacho de asuntos ordinarios, evitando adoptar medidas que condicionen aquelas que deba definir o Goberno que o substitúa.
NON PODERÁ ADQUIRIR COMPROMISOS DE GASTO
Ademais, durante a súa permanencia en funcións e excepto casos de urxencia ou cando existan razóns motivadas que o xustifiquen, non poderá, entre outras cuestións, enviar proxectos de lei ao Parlamento, autorizar convenios, adquirir compromisos de gasto que non teñan a consideración de gasto corrente ou aprobar convocatorias de probas de acceso ou de provisión de postos de traballo para calquera categoría de empregados públicos.
Tampouco poderá adxudicar contratos que teñan vixencia plurianual e, en todo caso, aqueles cuxa estimación económica supere a contía de 150.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.