Stop Eólicos Xurés Celanova acusa varios alcaldes de ser "cómplices" do espolio de Terras Altas

"Máis de 14.500 hectáreas das montañas máis senlleiras das comarcas da Limia e das Terras Celanova, entre o Larouco e o Laboreiro, fican en mans de multinacionais privadas", denuncia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2022 | Actualizada ás 19:29

Comparte esta noticia

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova denuncia a "complicidade" das alcaldías de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Bande, Verea e Celanova co "gran espolio que está a executar Greenalia xunto con outras empresas enerxéticas" sobre as comarcas da Limia. 

Stop Eólicos Xurés Celanova acusa a varios alcaldes da zona de ser 'cómplices' do espolio de terras altas. STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA
Stop Eólicos Xurés Celanova acusa a varios alcaldes da zona de ser 'cómplices' do espolio de terras altas. STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA | Fonte: Europa Press

En concreto, a plataforma lanza esta denuncia tras o anuncio dunha liña de alta tensión que conectará os proxectos eólicos das corporacións enerxéticas desde a raia seca limiá ata as Terras de Celanova coa central da Frieira no Miño. "Serán máis de 50 quilómetros de LAT que atravesarán o val do Salas, o val do Limia pola Veiga de Ponteliñares, o Monte Grande e o Monte da Neve, e a parte nororiental da serra do Laboreiro", explica a plataforma nun comunicado, no que alerta da afectación a poboacións e cursos fluviais.

MACROPROXECTO EÓLICO

Esta instalación daría servizo a un "macroproxecto eólico" que inclúe os polígonos de Lamas (2 proxectos), Gomariz, Monte Grande-Ourille e Monte da Neve, e ofreceríase tamén para a repotenciación do polígono do Vieiro, e para dar saída á produción de Iberdrola no Larouco e nos límites do Parque Natural do Xurés, onde se proxectan 3 polígonos que conectarán co xa operativo entre Baltar e Cualedro.

"Máis de 14.500 hectáreas das montañas máis senlleiras das comarcas da Limia e das Terras Celanova, entre o Larouco e o Laboreiro, fican en mans de multinacionais privadas con dereitos durante 25 ou máis anos sobre os solos", critica a plataforma, que alerta de que "a única área de aproveitamento eólico na que as corporacións aínda non desvelaron os seus plans é a de Penagache, na serra do Laboreiro". "Hai que protexela tamén", apelan.

Stop Eólicos Xurés Celanova vén de rexistrar alegacións contra o proxecto PE Lamas de Feás (Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín), logo de presentar tamén alegacións aos proxectos LAT do Xurés (entre Baltar e Muíños), LAT do Larouco (Baltar e Xinzo), PE de San Martiño (Baltar) e PE Monte da Neve (Celanova-Verea).

"COMPLICIDADE" DOS ALCALDES

En todos estes procedementos a plataforma persónase a través da coordinadora galega Eólica Así Non, co fin de informar á veciñanza sobre unhas prácticas empresariais e administrativas que, segundo explican, a propia alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, define como "escuras". Dende a plataforma denuncian que "agás ela", "o resto de alcaldías están, de maneira pasiva ou activa, favorecendo a invasión eólica e a ocupación dun parte valiosisima do territorio das nosas comarcas onde nacen as augas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta