Pepe Viyuela, en Ourense: "Ser pallaso é unha ferramenta para sacar as cores á xente con poder"

O actor e humorista visitou o alumnado do Campus de Ourense no marco da 27ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu).

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

"A mirada do pallaso é unha mirada moi libre, moi respectuosa, que ten que ver moito co afectivo, coa empatía, co concepto da finitude e dos nosos propios límites como seres humanos". O actor e humorista Pepe Viyuela vén de ofrecer unha charla ante o alumnado universitario do Campus de Ourense ao redor do seu libro 'Bestiario del circo' e da súa concepción social do humor e do teatro alén do entretemento. 

O actor e humorista Pepe Viyuela
O actor e humorista Pepe Viyuela | Fonte: UVIGO

Logo de representar este luns a obra 'Encerrona' ante un Teatro Principal cheo, Pepe Viyuela acudiu ao campus universitario no marco da 27ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). Alí, segundo explica a UVigo nunha nota, falou do personaxe de pallaso como o seu "alter ego" dende hai anos. "O pallaso foi todo un mestre ao que sempre volvo, ensinoume moito como actor: todo o que ten que ver coa escoita, coa participación do público, co sentido lúdico do traballo actoral, todo o que ten que ver coa afectividade, co respecto e o amor ao público", expuxo Viyuela ante o alumnado. 

Sobre 'Bestiario del Circo', o actor explicou que se trata dun libro no que se recollen algunhas das súas experiencias, "nun ton poético", relacionadas con este mundo do pallaso e do circo, a quen eloxia ao longo do seu discurso. "Nada me pode facer máis feliz que seguir facendo o pallaso, falar do circo e encontrarme con xente moza, con universitarios, cos que compartir e incentivar a busca, non sei se antropolóxica ou polo menos curiosa, de todo o que ten que ver con estes mundos", sinalou. 

HUMOR PARA DENUNCIAR INXUSTIZAS

E é que o pallaso, afirmou Viyuela na súa intervención, "sempre serviu como icona, arquetipo ou ferramenta para amosar e denunciar os aspectos máis negativos da nosa forma ser como humanos", motivo polo que tamén ten sido moi perseguido e criticado ao longo da historia. "Saca as cores, xeralmente á xente con poder”. De feito, a palabra pallaso, dixo, emprégase en moitas ocasións como insulto porque representa precisamente as persoas marxinadas. Porén, recalcou, "é algo marabilloso ser neno, ser pallaso, representar a vulnerabilidade. Ser vulnerable nestes momentos, ser sensible, empático, para min é un auténtico eloxio e das cousas máis fermosas que se poden ser”.

Ao fío disto, o actor sinalou que, en si mesmo, "o humor nin é bo nin malo por natureza", mais si pode "ser utilizado para o ben e para o mal, polo que hai un límite: cando se fai contra alguén que non pode defenderse". Pola contra, dixo, "cando o humor é utilizado como ferramenta para denunciar, para criticar determinados comportamentos, o pallaso convértese dalgún xeito en activista, en referente, nun espello”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riolo

Pero claro, cuando el poder es de izquierdas, se critica a la oposición...