Cifran nun 100% o seguimento no segundo día de paro nos autobuses urbanos de Ourense

Persoal e empresa reunirase este venres na procura dunha solución ao conflito.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2022 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

A segunda xornada de folga nos autobuses urbanos de Ourense continuou co 100% de seguimento, pero desde o comité de empresa denuncian que se sacaron a traballar vehículos sen ITV. O Concello de Ourense indicou que a xornada transcorreu "con relativa normalidade", con todas as liñas en circulación excepto a cinco, que non o puido facer a "consecuencia dos ataques sufridos nos vehículos".

Con todo, o persoal sinala que a empresa "sacou vehículos con ITV caducada, comprometendo a seguridade de traballadores e viaxeiros". Falan en concreto dunha furgoneta que tivo que ser denunciada. "Saíu ao servizo traballando con viaxeiros, parouna a Policía Local e non tiña ITV. Levaba persoas. Nós sabemos que ese tipo de fallos, por así chamalos, non son viables e nun acto de responsabilidade como piquetes informativos, tivemos que facer o que temos que facer, que foi pór unha denuncia", aseguraron os sindicatos.

Con todo, do mesmo xeito que o Concello, apuntan a que "non houbo problemas cos servizos mínimos", fóra desa furgoneta e de dous coches que saíron con lúas gretadas. "Dado que calquera usuario que teña un coche en circulación ten que pasar a ITV, e con esa lúa non a pasaría, non puido seguir circulando. Dixemos que non podían andar e tiveron que regresar", sinalaron.

Ademais, a diferenza da xornada do martes, durante este mércores as persoas manifestantes desprazáronse ata a zona da Alameda nunha pequena marcha e nun breve espazo de tempo para "dar visibilidade" á súa loita, aínda que iso si, "sen estar moito tempo para non causar prexuízo", sinalan.

PRÓXIMA REUNIÓN DE NEGOCIACIÓN

Por outra banda, mentres se sucedía a manifestación, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reuniuse coa empresa concesionaria de urbanos de Ourense para mediar na folga do servizo municipal de autobuses e demandar avances cara a un acordo cos traballadores que permita pór fin ao paro.

"Basicamente díxenlles que é necesario avanzar para pechar a folga canto antes e chegar a un acordo, e conseguimos que se reúnan traballadores e empresa este venres coa condición de que non haxa sabotaxes nos autobuses, que son de propiedade do Concello", trasladou o rexedor.

Ademais, sinalou que, "se todo marcha con normalidade" e "hai boa vontade" polas dúas partes, o venres será esa reunión na que non participarán políticos; aínda que avanza que desde o goberno municipal estarán "atentos" a unha próxima solución porque se non "intervirán directamente".

Bus urbano en Ourense
Bus urbano en Ourense | Fonte:

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta