Factura da luz, entender o mercado para entender o que nos cobran

A suba do prezo da luz fai que moitas familias teman non poder pagar a factura. Aínda que ralentizadas, as tarifas eléctricas seguen impoñendo unha forte carga para a poboación. Non son poucas as reclamacións ante prezos cun valor catro veces superior ao do ano pasado.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 07/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As familias teñen unha fronte aberta (non é a única) co prezo da electricidade e o seu consumo. A fluctuación do que custa consumir electricidade hoxe en día está aturdindo á sociedade. Tanto é así que tras as últimas manobras do Goberno central para poder diminuír a suba eléctrica, non son poucos os fogares que van afrontar facturas superiores aos 200 ou 300€. Isto cando non é que a compañía subministradora decide “axustar” as súas medicións e tarifas e para iso deixa de enviar facturas por uns meses á clientela. A consecuencia tranquilamente poden ser facturas de 6.000 euros totalmente legais, aínda que existe a posibilidade de ratealas até finalizar o pagamento. Non obstante, unha grande eiva na sociedade, polo menos en gran parte da mesma, é non coñecer como funciona o sistema tarifario no Estado, basicamente, descoñecer o funcionamento do mercado eléctrico.

Electricidade
Electricidade | Fonte: Europa Press.

A GRANDE POXA

O mercado eléctrico é unha grande poxa de prezos entre produtores e distribuidores. Os primeiros ofrecen uns prezos que logo son aceptados ou non polos segundos e aí comeza unha negociación para acordar canto se paga o Kw/h. Quen ou que fixa o prezo final? As enerxías máis contaminantes, gas e carbón son as últimas enerxías que entran na poxa diaria e os prezos destas inflúen decisivamente na factura que recibiremos a fin de mes.

“O prezo ten que fixarse mediante unha poxa, non ten relación coa produción, logo produtores e comercializadoras que ofrecen os prezos de compra” di Manuel Pérez Lema, avogado de ACOUGA. E por que os prezos tan elevados? “Non hai unha xustificación para que alguén reciba un diñeiro independentemente do custe que teñas”. Un exemplo, as centrais eléctricas que teñen un custe cero porque están amortizadas no tempo, todo o que venden é beneficio, non obstante, acábaselle outorgando o prezo de venda do gas.

Como poden chegar a acordos produtores e comercializadoras? Se a lei obriga a separar uns dos outros, isto non impide que as mesmas produtoras podan polo menos participar en comercializadoras. Desta maneira, en teoría, as produtoras ao final case que acaban elas fixando prezos. “Teoricamente este sistema de oferta e demanda sería o que fixaría prezos” sinala Pérez Lema, mais non se descartan acordos “disfrazados” pervertindo o sistema de compra-venda.

Contador de luz que mide o consumo de electricidade
Contador de luz que mide o consumo de electricidade | Fonte: Archivo - EP

É por iso que tempos prezos abusivos? “Abusivo implica acción consciente para crear prexuízo, mais os prezos de hoxe en día son unha lacra para moitas economías familiares” apunta Miguel López, de UCGAL. Temos un problema de solvencia familiar, e a solución? Con respecto ao ano anterior unha familia pode ver multiplicado por catro o prezo que paga este ano. Unha medida foi crear tramos baratos, horas en que o Kw/h non supuña un gastro extraordinario.

“A rebaixa do prezo por tramos podería ser beneficiosa cando se establecen diferenzas importantes entre os períodos máis baratos e os máis caros” indica López. Cando isto se quixo aplicar en España “o sistema de tramos perdeu sentido desde o mesmo momento en que naceu porque as horas onde se podía aforrar quedaron desvirtuadas polas constantes subas”. Logo duns meses, o sistema cambiou de novo, mais agora “as persoas deben estar pendentes de app e outros medios para coñecer o prezo da luz a cada hora.

A base para esta variabilidade “é a demanda de enerxía segundo o momento do día, isto explica que nun polígono de muíños eólicos haxa algúns parados en días de vento, só se xera para a demanda” argumenta Pérez Lema. “As empresas son as grandes consumidoras e por tanto demandantes” e non teñen uns tramos moi definidos de maior e menor consumo. “Nos fogares hai franxas mellor delimitadas sobre todo pensando no consumo dos electrodomésticos”.

O MERCADO MANDA

O 26 de abril deste ano Portugal e España chegaron a un acordo co resto da UE, pagarían menos polo gas natural. Anunciada como unha “victoria”, a cuestión é saber se realmente se traduciu nun alivio para a poboación. “Pode haber rebaixas mais non creo que cheguen ao 50%, mais existe un problema engadido, as persoas que apostaron polo mercado libre” di López. O mercado libre ofrecía novas empresas comercializadoras con prezos baratos. Os diferentes cambios no custe por hora e o acordo coa UE pode traer “que quen apostou polo mercado libre vexa como os prezos aumentan e pasar de 14 céntimos Kw/h para estar agora en 20 céntimos ou máis”.

“Quen teña un contrato blindado ou cuns custes fixos é posible que non sinta de maneira abrupta incrementos nos prezos e tampouco sentirá as rebaixas en caso de habelas” di Pérez Lema. “Unha reivindicación desde hai moito tempo é diferenciar o consumo industrial do doméstico, por que non se crea un mercado para o fogar?”. Á parte disto, a produción de enerxía desde hidroeléctricas e eólicas en Galicia debera repercutir nun abaratamento do consumo “mais iso non interesa ao pool (mercado eléctrico)”. Una solución podería ser o autoconsumo, a instalación de sistemas propios en cada casa para ter a súa enerxía.

Outro punto son as reclamacións por facturas que multiplicaron as súas cifras por catro, cinco ou máis. “En xuño de 2021 entran en vigor as novas peaxes con nocturnidade e aleivosía, a partir de aí aumentan tamén as reclamacións” di López. O Goberno decide entón rebaixar IVE, peaxes, impostos á electricidade e outras cargas impositivas. A cuestión é que as subas eran legais segundo o marco lexislativo establecido.

“A resposta dos consumidores ante as subas que houbo foi pensar en posibles fallos de sistema, erros na contabilización do consumo, mais a realidade é que hai moito descoñecemento do mercado eléctrico” remarca López. Outra consecuencia do cambio de sistema foi que as empresas, para adaptarse, houberon de reorganizar os métodos de contabilización. Así houbo fogares que estiveron mesmo meses sen recibiren factura da luz.

“É un limbo de facturación con empresas que poden botar seis meses sen cobrar e logo vén unha factura cun importe de 6.000 euros” aclara Pérez Lema. Non é legal obrigar a pagar todo dunha vez. Si é legal ratear o importe até velo resarcido, isto fai que se pague a factura actual máis as atrasadas.  “Tamén está que a mesma empresa cometa o erro de non facturar debidamente e ao final chegue unha cifra desorbitada para unha familia”, aínda así debe facilitarse o pagamento de maneira fraccionada.

Arquivo - Imaxe de recurso dunha factura de electricidade.. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Imaxe de recurso dunha factura de electricidade.. EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta