Nova 'lei de depredación'? A Xunta segue reducindo os trámites para as grandes empresas

A administración popular prepara unha norma que prevé reducir os prazos para dar luz verde urbanística a proxectos empresariais. No pasado, estas actuacións contribuíron a limitar a capacidade das asociacións para combater infraestruturas de grande afectación ambiental.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2022 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A Xunta anunciou a creación de áreas estratéxicas para ofrecer, de forma máis "áxil e eficaz", reservas de chan capaces de acoller actuacións empresariais "claves e imprescindibles" para o desenvolvemento económico de Galicia.

Esta iniciativa é unha das principais novidades da futura Lei de áreas empresariais, que foi abordada na reunión que mantiveron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Anxos Vázquez, e unha representación da directiva da Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape). O encontro celebrouse no Polígono de Ou Tambre (Santiago de Compostela).

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Anxos Vázquez, reúnese con representantes da Federación galega de parques empresariais (Fegape) para abordar a nova Lei de áreas empresariais. CONCHI PAZ / XUNTA / Europa Press
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Anxos Vázquez, reúnese con representantes da Federación galega de parques empresariais (Fegape) para abordar a nova Lei de áreas empresariais. CONCHI PAZ / XUNTA / Europa Press

A administración popular semella avanza así no recorte de prazos administrativos para implantar proxectos empresariais que poderían ter graves afectacións ambientais. Dende 2017, a Xunta aprobou xa dúas das chamadas 'Leis de depredación', normas que limitan os tempos nos que a cidadanía pode alegar contra proxectos empresariais diversos, tales como os eólicos ou a planta de Altri que se pretende instalar en Palas de Reis. O resultado é que, con menos tempo de alegación, colectivos e veciñanza ven reducidas as súas armas á hora de combater os informes das grandes empresas. 

En calquera caso, Vázquez subliñou a importancia de contar cunha lei que "permitirá a posta en marcha de áreas empresariais estratéxicas". Por outra banda, explicou que esta "norma chave" facilitará a creación de reservas de chan de carácter "estratéxico" para que as empresas póidanse implantar de forma "rápida e sinxela". Queda por ver se este chan coincidirá coa ampliación da Rede Natural 2000 que a Xunta debería ter realizado por compromiso administrativo pero que deixou languidecendo nun caixón. 

Neste sentido, a conselleira en funcións indicou que as prioridades de Galicia pasan por reactivar a economía, xerar emprego "estable e de calidade" e lograr que a comunidade autónoma sexa un lugar "atractivo" para investir e desenvolver iniciativas empresariais.

Os plans estruturais é outra das novidades da nova lei. Fixarán as liñas básicas e xenerais para a ordenación de determinadas áreas empresariais que permitirá o seu desenvolvemento posterior por fases. Desta forma, o prazo de aprobación dos proxectos de urbanización terá unha redución desde os 21 meses actuais a nove.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Non teñen menos vergoña porque non é posible. Se seguimos a calar e a non opoñernos con forza, e o que faga falta, a todos os desmáns lexislativos e metodolóxicos que practican ao amparo dunha maioría de lambecús e estómagos agradecidos este país vai ter un futuro aínda máis negro que o que desde 2010 veñen aplicando (de forma nepotista e de favor aos amiguetes) desde os gobernos do Partido Popular.