Por gcdeportes | Lugo | 04/07/2014 | Actualizada ás 09:58
Non preocupa moito a denuncia no Club Deportivo Lugo. A LFP trasladou á Policía Xudicial de Madrid a investigación sobre o último partido da Liga Adelante no Anxo Carro, aquel que rematou con 1-0 para os lucenses con gol de Carlos Pita. Carlos Mouriz, director xeral do club, ve ridícula a denuncia para investigar un suposto pacto para empatar, e Manu, sempiterno capitán, como “unha chorrada”, ademáis de laiarse do dano que lle fan a imaxe do club.
A denuncia da LFP basease nas apostas do partido e en informes realizados por consultorías especializadas. As denuncias (Sporting-Tenerife é o outro partido baixo sospeita) non acusan a ninguén, só trasladan a información. Segundo informou o diario AS, o caso do Lugo-Mirandés fundamentase no informe Sportrader da UEFA, elaborado co sistema BFDS, xa en mans da Policía e da Federación Española de fútbol.
“Se as apostas eran ao 0-0, e o Lugo gañou 1-0... A partir de aí, non sei que máis se pode dicir”, apunta Carlos Mouriz, que ademáis destaca que el avisou aos xogadores de que non asumisen moitos riscos, xa que chegaba co 0-0 para salvarse. Aínda así, no segundo tempo, marcou Pita.
"Paréceme unha chorrada que se investigue ese partido, porque, ademáis, o resultado non foi o que se di que se ía dar, así que moita xente tería perdido os cartos”, dixo a Efe o capi Manu, quen se laia de que se relacione o Lugo cun suposto amaño: "Nos somos os afectados e non me gusta que o equipo se vexa salpicado por cousas como esta". Na derradeira xornada, o Lugo derrotou o Mirandés cun gol de Carlos Pita e o conxunto burgalés, salvado durante moitos minutos do partido, sufriu o descenso a 2ªB tras un gol do Alavés ao Xaén no desconto.
Novas camisolas
Tralo peche da tenda no centro comercial As Termas, o CD Lugo estreou unha nova na céntrica rúa da Raíña. E aproveitou a inauguración para presentar as camisetas da vindeira tempada: a primeira, a branquivermella, que mantén a bandeira galega no pescozo; a segunda, totalmente branca; e a terceira, atrevida, con moitas cores: azuis, verdes... No acto de apertura e presentaciónm, ademais do presidente José Bouso e do alcalde Xosé Clemente López Orozco, estivo o porteiro do Real Madrid Diego López, lucense de Paradela e con pasado no Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.