O día das Letras Galegas e a diglosia

Son dos que opinan que o Día das Letras Galegas debería mudar o seu obxectivo fundacional de divulgar a literatura galega por outro formato que explore novos horizontes. Esta exclusividade deixa sen visibilidade outros espazos nos que se xoga o futuro da lingua. Aínda máis: grandes franxas sociais non se sinten atraídas, en absoluto, polo carácter destas celebracións literarias; míranas de esguello, con indiferenza.

Por Xosé Glez. | Vigo | 09/05/2022

Comparte esta noticia
As mudanzas sociais habidas desde 1963, ano da súa institucionalización, deica hoxe foron moitas. Cómpre innovar, sen que iso implique descoidar o conseguido. No ámbito universitario a oferta de especializacións ampliouse, quedando as humanidades proporcionalmente moi reducidas. A incorporación do estudo da lingua galega ao curriculum escolar tivo, evidentemente, efectos positivos na identificación dos galegos e galegas coa súa identidade, pero non na medida que debera. Os datos que a cada pouco ofrecen as enquisas sobre os usos lingüísticos son reveladores nese sentido. 
 
O desinterese pola regaleguización doutros ámbitos sociais producíu espazos estancos ocupados polo castelán, malia contarmos cun Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia. As orientacións propostas polo Plan deberían ser motivo  de reflexión para reorientar esta convocatoria, procurando ser máis inclusivo, con outros protagonistas que acaden maiores adhesións para a galeguización.
 
Florencio Delgado Gurriarán, figura central do Día das Letras Galegas, era coñecedor das mudanzas que se estaban a producir no seu tempo. Por iso, cando formou parte do Consello de Redación da gran revista que foi “Vieiros”, editada polo exilio mexicano, era partidario de publicar nela máis artigos sobre temas económicos, máis ciencia “aínda que haxa menos traballos puramente literarios, xa que hoxe é posible escribir de todo en galego”. Cando afirmaba isto en 1959, o escritor valdeorrés, estaba a referirse, sen citalos, por poñermos algúns exemplos, a Rof Carballo, figura de contrastado galeguismo, de gran prestixio no eido da medicina sicosomática europea, que viña de publicar dous anos antes na Editorial Galaxia “Mito e realidade da Terra Nai”, un tratado científico de medicina antropolóxica, e a Antón Beiras, tamén de militancia galeguista, autor do primeiro traballo de investigación escrito en lingua galega sobre o estrabismo.  Tamén  coñecía Gurriarán a experiencia de  “Zeltia”, afamado laboratorio dedicado á investigación de produción de pesticidas, onde tiñan acubillo recoñecidos científicos galeguistas antifranquistas, que editaba o “Almanaque Agrícola ZZ”,  íntegramente en lingua galega; unha novidosa experiencia no campo da comunicación empresarial. Os seus lectores, que endexamais tiveran nas súas mans un libro de literatura en galego, lían con naturalidade os  relatos científicos expresados no noso idioma.
 
Por eses anos, a Revista de Economía de Galicia, que se publicaba en castelán porque as autoridades franquistas prohibiron que se editase no idioma do país, reiteraba nos seus editoriais o dereito a utilizar en espazos inéditos  -economía, ciencia, publicidade- a lingua galega. 
 
A celebración do 17 de maio deberíase denominar Día da Lingua Galega. Con esta mudanza de criterio, incorporaríanse outros sectores sociais;  sen eles é imposible a regaleguización do país. Desactivando ao tempo a mensaxe subliminal da diglosia que callou tan fondamente nalgunhas mentalidades, desprezando a nosa identidade cultural subordinándose a “linguas de comunicación universal”.
 
Hai razóns sociolingüísticas que aconsellan a innovación desta xornada reivindicativa. Por poñermos algúns exemplos: os consumidores son decisivos na galeguización da economía, no caso de amosaren preferenza polos produtos etiquetados no noso idioma. Tamén habería máis protocolos notariais na nosa lingua se no caso dos testamentos houbese vontade persoal de escrituralos nela. Ditaríanse máis sentenzas en lingua galega se se invocase a aplicación do dereito recoñecido no art. 7.2 da Lei de Normalización Lingüística. O dito: hai que ampliar o discurso galeguizador. O demais é facer xogos florais, formato anacrónico de dinamización lingüística.

O poeta e avogado Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano no Día dás Letras Galegas e ao que se lle dedica a primeira entrada do 2022 no 'Álbum de Galicia'... CONSELLO DA CULTURA GALEGA
O poeta e avogado Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano no Día dás Letras Galegas e ao que se lle dedica a primeira entrada do 2022 no 'Álbum de Galicia'... CONSELLO DA CULTURA GALEGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.