Carta de Critias a Terámenes (XVII). Sobre a Dialéctica

... Debemos usalas con habilidade e fanatismo. Coas perniciosas facemos dano, calumniamos aos inimigos. Coas oficiosas obtemos o noso beneficio xa económico xa político. Coas xocosas provocamos a risa e coas piadosas evitamos o sufrimento dos nosos servos. Todas as mentiras, xa perniciosas, oficiosas, xocosas e piadosas deben usarse en conxunto, creando así mentiras ou falacias mixtas. A técnica da mentira é o método máis barato e fácil para ocultar a realidade.

Por Álvaro Rodríguez | Compostela | 29/08/2024

Comparte esta noticia
Preguntádesme o motivo da nosa  aparente liberalidade coa desorde…Volvo  repetir: Os nosos antepasados obtiveron o poder polo uso sistemático e brutal da violencia, coa instauración do Terror e cos maiores crimes que viu a Humanidade.  Centos de guerras civís,  gañadas e perdidas, déronnos finalmente o triunfo. Ata hai pouco escravizabamos a pobos indefensos. Pero hoxe a nosa debilidade aconséllanos ser liberais e non recorrer á nosa tradicional violencia, telo presente. 
 
Os nosos inimigos do Anterior Réxime eran poderosos e aínda que a súa etapa histórica había acabado e eran unha rémora para o Progreso, o certo é que só  coa violencia puidemos empolicarnos ao poder, destruíndo o caduco e vello. O pasado e atrasado era superado polo novo acorde ao Progreso. Os nosos científicos traballaron con afán expoñendo as leis da dialéctica, e noutros labores necesarios… Lembrades  ao famoso cirurxián Joseph-Ignace Guillotin. (Grandes risotadas, aplausos e alboroto na sala).  
 
A esencia da dialéctica é a loita entre contrarios. Os nosos sociólogos definen a esencia do Político como  dialéctica entre amigo e inimigo. É lei ineludible. Mais as leis da dialéctica deben ser ocultadas, e cando non sexa posible,  escurecidas con metafísica e idealismo.  Hoxe a ignorancia, ao contrario  dos  nosos  tempos revolucionarios,  está do noso lado.
 
Pero non debedes confundir os termos da Historia cos tempos  humanos. Son tempos diferentes. O Anterior Réxime era anacrónico moito antes de ser derrocado, e só na etapa  de Ancianidade foi superado. O que tento dicirvos é que coa nosa acción podemos influír. Certamente é irreversible o cambio, e o noso réxime xa evidentemente decadente será eliminado, como outrora foron os anteriores, e do mesmo xeito que nós eliminamos ao último. Pero dado que o destino colocounos neste estadio de decadencia, somos nós os que debemos tentar  permanecer o máximo posible. A caída pode suceder na nosa xeración ou nas seguintes. O vello topo non  despacha invitación. 
 
Pero toda esa evidencia debe ser ocultada aos  nosos servos e en especial aos sicofantes. Se  os nosos sicofantes e servos cheiran que somos débiles abandonarannos agora. Lembrar como servos e sicofantes do Anterior Réxime pasáronse ao noso bando cando aínda non estaba o Anterior abatido. E cando se reinstauro o Anterior Réxime, os mesmas piaras de servos  e sicofantes volveron ao vello curro …pero amigos meus,  riámonos!!! …. Cando finalmente demos o último empuxón,   o artefacto do noso amigo o  cirurxián  traballou con afán lembrándolle aos sicofantes a quen tiña que render pleitesía.  (Risas, xolda e aplausos entre o público).
 
É por iso que o medo debe seguir centrándose nos nosos servos e en especial no sector sicofante. A prolongación da nosa supremacía será consecuencia do uso hábil das catro categorías de mentiras, e dos tres medos que aniñan na alma dos nosos servos e sicofantes. Máis adiante desenvolverei os tres medos e o seu uso na política.
 
Os inimigos non nos temen como nós non temiamos  aos gerifaltes de outrora. A nosa menguante fortaleza reside  en manter á masa servil e sicofante sometida.  E insisto, en especial aos sicofantes, xa que os mesmos que hoxe nos fan a bóla serán as pelotas do réxime nacente. Coa  mentira e o medo temos as correaxes dos sectores  sicofantes Mollies e Squealers.  De entre eses sicofantes saen a maioría dos aspirantes  ao sorteo dos cargos. Más nunca esquezades que sicofante e traizón son sinónimos.
 
 
A lei da unidade e a  loita dos contrarios é a fonte interna do movemento e desenvolvemento dialécticos. É  da nosa esencia social, histórica e humana de onde nace o cambio e por iso é inseparable da nosa natureza. Sabido iso, estimados amigos…sigamos fomentando  a metafísica, estimulemos a mentira, o medo, obscurecer as mentes dos nosos sicofantes e servos. Non podemos evitar o cambio irreversible, mais gocemos do momento, gocemos dos praceres e retardemos o Futuro. (Grandes risotadas, xestos de aseveración  e aplausos na sala).
Imos facer un receso e en 15 minutos se vos parece ben  continuamos coa exposición dos  tres medos. 
 
Extracto dunha  sesión do curso O Medo Social: situación actual, mantemento  e futuro. 
 
 

Terámenes arrestado por orden de Critias
Terámenes arrestado por orden de Critias | Fonte: italoantoniotti.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Álvaro Rodríguez Nuñez Doctor en Ciencia Política. Autor de varios ensaios sobre procesos políticos contemporáneos. Ten publicado diferentes estudios en revistas de pensamento político, nas cales colabora.