Reaccións Juan Carlos I: "É unha boa noticia que veña", insiste Rueda

O BNG pregunta polo custe da protección institucional ao emérito: "aínda lle imos ter que pagar as vacacións". O Goberno evita poñer cifras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2022 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estará "volcado" no congreso que este fin de semana o ratificará como líder do PP galego e non prevé ver ao rei emérito Juan Carlos I, pero, fronte ás críticas, reafirmouse en que a súa visita a Sanxenxo é "unha boa noticia" desde o punto de vista da "promoción" turística e que "ten todo o dereito" a estar en Galicia.

"Creo que moita xente pensa o mesmo. Non ten ningunha causa xudicial nin asunto pendente e ten todo o dereito a estar aquí", proclamou, na rolda de prensa posterior á primeira reunión semanal do seu Executivo. Preguntado acerca de se cre que debería dar explicacións, celebrou unha vez máis que Juan Carlos I elixise Sanxenxo como primeira parada para recalar no seu regreso a España e insistiu en que é "unha boa circunstancia" para Galicia.

O candidato á presidencia do PPdeG, Alfonso Rueda, nunha reunión da xunta directiva provincial do PP, a 2 de maio de 2022, na Coruña, Galicia (España). O acto prodúcese coa vista posta ao de dirixentes tras a dimisión do presidente de. M. Dylan - Europa Press
O candidato á presidencia do PPdeG, Alfonso Rueda, nunha reunión da xunta directiva provincial do PP, a 2 de maio de 2022, na Coruña, Galicia (España). O acto prodúcese coa vista posta ao de dirixentes tras a dimisión do presidente de. M. Dylan - Europa Press

"É absolutamente libre de facelo", insistiu o presidente galego, antes de engadir que "ten todo o dereito a elixir" onde volve. "E se elixe Galicia non é unha mala cousa", apostilou, coa convicción de que, a pesar das críticas e aínda que "respecta todas as opinións", a "maioría dos galegos e galegas" veno como el.

O GOBERNO EVITA POÑER CIFRAS

Pola súa banda, o Goberno ponse de perfil ante a problemática. A ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, trasladou o "respecto" do Executivo central ás decisións que adopte "de forma particular" o rei emérito, Don Juan Carlos. Así o manifestou, a preguntas dos xornalistas na rolda de prensa que ofreceu na Delegación do Goberno en Galicia con motivo da súa visita á Coruña para participar nun encontro de alcaldesas.

"O que o Goberno mantivo desde o primeiro momento reitéroo, absoluto respecto pola Casa do Rei e polas decisións que poida adoptar de forma particular o rei emérito", sentenciou. Preguntada pola escolta coa que contará o rei emérito á súa chegada Galicia e na súa visita a Sanxenxo, recalcou que a seguridade é "un tema sensible". "Non convén que demos máis información respecto diso", recalcou Por outra banda, dixo que tratarán a visita do rei emérito "coa incidencia que poida ter na orde pública". "Nos mesmos termos que abordariamos outro evento ou circunstancia", dixo apelando ao papel das Forzas de Seguridade do Estado.

BNG: "AÍNDA LLE IMOS TER QUE PAGAR AS VACACIÓNS"

Por outro lado, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanzou que rexistrará na Camára baixa unha iniciativa a través da que preguntará polo custo das "vacacións" do rei emérito Juan Carlos no municipio pontevedrés de Sanxenxo, unha pregunta que xa formulou na xornada do mércores Íñigo Errejón. Así o avanzou este xoves nunha rolda de prensa na que aproveitou para cualificar de "vergoñentas" as declaracións efectuadas polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nas que asegurou que a visita do emérito puña no "mapa" a Galicia.

"Non sei se quere pór a Galicia no mapa da corrupción e das tramas internacionais de tráfico de armas", preguntouse Rego, que subliñou que Galicia "está no mapa desde hai moitos séculos, concretamente desde o ano 410, co primeiro reino no ámbito do imperio romano". "E desde entón continúa no mapa polo traballo e a honradez de todos os galegos, e o que non necesitamos é que se nos coñeza por dar acollida a corruptos e persoas que representan os elementos menos democráticos do réxime do 78", sostivo.

Rego explicou que, "máis aló deste rexeitamento" que o BNG "comparte coa maioría da sociedade galega" de que "o Borbón non é benvido", unha chamada compartida pola organización xuvenil do BNG, Galiza Nova. A secretaria xeral da plataforma, Marta Gómez, aproveitou tamén para manifestor o rexeitamento do grupo á visita real á propia monarquía "por ser un réxime inxusto". "Galicia non ten rei", incidiron.

En calquera caso, Rego asegurou asegurou que o rei emérito "fuxiuse" para "evitar actuacións da xustiza española", unha xustiza que, segundo indicou, ao arquivar as causas demostrou "que era falso que a xustiza é igual para todos". "É tremendo que despois de burlarse de toda a cidadanía do Estado Español aínda lle teñamos que pagar as vacacións", incidiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta