Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2022 | Actualizada ás 19:11
Todos os grupos con representación no Parlamento aprobaron este xoves unha proposición non de lei do Grupo Socialista na que se insta á Xunta a cumprir, ao longo deste ano, os compromisos reclamados pola Cámara en 2015 en relación ao tratamento e atención ás mulleres con endometriose no Sergas.
En concreto, a iniciativa lembra que o 22 de abril de 2015 o Parlamento aprobou por unanimidade de todos os grupos unha iniciativa sobre a mellora do tratamento e atención ás mulleres con endometriose, que incluía distintas accións, como a difusión de información sobre a enfermidade ou o aumento da relevancia dentro do sistema público de saúde.
"A realidade é que, despois de sete anos, a avaliación do cumprido polo Goberno da Xunta é de xeito evidente insuficiente e non reflicte a relevancia que inicialmente foi demandada polo Parlamento", destaca a iniciativa. Máis en concreto, apuntan os socialistas, o plan de detección precoz da endometriose, comprometido para iniciarse no prazo de seis meses en 2015, "non dá sinais de presenza", e a creación de unidades especializadas en cada área sanitaria "non foi completada aínda".
O PSdeG apunta que "tampouco se promoveu desde o Goberno de Galicia ningunha iniciativa ou aposta por avances na investigación e coñecemento da enfermidade", polo que reclama que se retomen estes compromisos.
Por outra banda, a Comisión aprobou tamén por unanimidade o primeiro punto dunha proposición non de lei presentada polo grupo socialista, na que se esixe á Xunta que se cubran as prazas de medicina de familia, enfermaría e odontoloxía do centro de saúde de Foz, para que teña a capacidade asistencial que ten asignada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.