Aprobado o novo Plan hidrolóxico de Galicia-Costa para mellorar a calidade e uso eficiente das augas

Recolle 212 medidas e un investimento de 1.885 millóns de euros.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/05/2022 | Actualizada ás 19:52

Comparte esta noticia

O Goberno galego deu luz verde ao novo Plan hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027, que recolle 212 medidas e un investimento de 1.885 millóns de euros para a mellora da calidade das augas. A Xunta culmina así a tramitación desta folla de ruta para o próximos seis anos, polo que se converte en pioneira en aprobar o seu plan de conca con avaliación ambiental estratéxica.

Ruínas da aldea de Aceredo, a 12 de febreiro de 2022, en Lobios, Ourense. A seca, producida nas concas galegas pola falta de choiva, deixou Aceredo ao descuberto, converténdose en atracción turística
Ruínas da aldea de Aceredo, a 12 de febreiro de 2022, en Lobios, Ourense. A seca, producida nas concas galegas pola falta de choiva, deixou Aceredo ao descuberto, converténdose en atracción turística | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Agora, remitiráselle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para que, tras o informe do Consello Nacional da auga, sexa ratificado posteriormente polo Consello de Ministros mediante real decreto.

O novo plan confórmase ao redor dun total de 212 medidas dirixidas a profundar na mellora da calidade das augas, nun contexto marcado polo cambio climático, e incorpora novidades normativas na procura do uso máis eficiente da auga.

O maior peso deste investimento destinarase ao saneamento e á depuración, que absorberán 973 millóns de euros, e é igualmente moi relevante o dirixido ao abastecemento, con máis de 560 millóns.

A participación maioritaria será da Xunta, xa que 110 das 212 actuacións previstas disporán de financiamento autonómico, 605 millóns de euros, máis do 63% do total.

O ámbito territorial do plan abarca unha superficie total de 16.294 km2, 12.991 km2 continentais, que supoñen o 44% do territorio galego e concentra máis de 2 millóns de habitantes, o 75,4% da poboación da comunidade.

No plan amplíanse as accións de prevención ante os efectos do cambio climático e os fenómenos extremos, e incide na regulación das actividades industriais ou agrícolas compatible coa protección dos ríos, rías, augas subterráneas e ecosistemas.

O plan recolle como segundo uso prioritario da auga, tras o abastecemento á poboación, o seu uso para unha transición enerxética xusta nos proxectos afectados por peches de centrais térmicas como as das Pontes e Meirama.

Destacou a transparencia e o fomento da participación, e o documento final do novo Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa incorpora o 58% das achegas recibidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta