O TSXG rexeita a petición do alcalde de Oleiros de presidir o Consorcio As Mariñas

Confirma a sentenza que desestimou o recurso interposto polo Concello.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/05/2022 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza que desestimou o recurso interposto polo Concello de Oleiros fronte ao rexeitamento, por parte do Consorcio As Mariñas, de que o alcalde dese concello fose nomeado presidente da entidade.

O alcaldede Oleiros, Anxo García Seoane, nunha protesta en demanda de obras ao Ministerio de Fomento
O alcaldede Oleiros, Anxo García Seoane, nunha protesta en demanda de obras ao Ministerio de Fomento | Fonte: CONCELLO DE OLEIROS

Tamén pedía que se traspasasen as funcións de secretaría, intervención e tesouraría ao Concello de Oleiros e que se iniciasen as actuacións para adscribir a esta entidade local ao persoal que prestaba servizos no consorcio.

Na sentenza, segundo informa o TSXG, os maxistrados explican que "non se discute que o Consorcio As Mariñas non foi capaz de reformar os seus estatutos para adaptarse á lei --que agora é a do sector público de 2015--", pero indican que iso non implica outorgar as tres peticións que a ese consorcio dirixiu o alcalde do Concello de Oleiros.

O tribunal subliña, en canto a quen tería que presidir a entidade, que se trata "dunha cuestión propia da súa autoorganización", o cal se inclúe "no artigo sete dos estatutos, que neste extremo estaban vixentes ao non contradicir a norma superior". Por iso, conclúe, do mesmo xeito que a sentenza de primeira instancia, que "non podería presidir o consorcio, de forma automática, o alcalde do Concello de Oleiros".

"E tamén se ten que compartir a conclusión da xulgadora de instancia de que o feito de que esta entidade local fose a de adscrición non significaba que se lle traspasasen aos seus funcionarios do corpo nacional as funcións de secretaría, intervención e tesouraría", recalcan os maxistrados na resolución.

Nela, engaden que, polo mesmo motivo, "tampouco se podía acceder á terceira petición de que se iniciasen as actuacións para adscribir ao Concello de Oleiros ao persoal que prestaba servizos no consorcio".

Contra o fallo do TSXG, que impón ao Concello de Oleiros o pago de ata un máximo de 1.000 euros en costas, cabe presentar recurso de casación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta