Un xulgado recoñece o parentesco entre neto e avó tras conseguir o primeiro mostras da saliva do segundo

O suposto avó biolóxico negábase a recoñecelo como neto tras a morte do pai biolóxico en México.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2025 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

O Xulgado de Primeira Instancia nº4 de Ourense estimou "integramente" a demanda presentada por un home ao seu avó paterno biolóxico despois de conseguir mostras da súa saliva e envialas a un laboratorio para realizar probas que corroborasen o parentesco.

Segundo a sentenza á que tivo acceso Europa Press, o home citara ao seu avó en "ata tres ocasións" para realizar as probas biolóxicas que ratificasen o parentesco, pero este "nunca se presentou" alegando que padecía un "estado de saúde precario", pero "sen xustificalo documentalmente", e baseando o seu argumento en "negar coñecer" ao seu neto.

As testemuñas citadas a declarar en xuízo ratificaron que a nai do demandante mantivera unha relación sentimental co pai biolóxico durante "polo menos tres anos", cando este, que residía en México, viaxaba a Carballiño en vacacións. Durante ese período, a nai quedou embarazada e, tras contactar co pai "cando xa levaba tres meses de xestación", este "finalizou a relación sentimental".

O caso, do que informou o avogado do demandante, do Bufete Osuna, establece que o pai biolóxico falecera en México "sen que nunca o recoñecese como fillo legalmente". É entón cando o home recorreu ao seu avó paterno e, "contratando os servizos dun detective privado", conseguiu extraer "esputo en bastoncillos" para entregar unha "mostra dubitada" ao laboratorio Citogen, en Zaragoza.

O laboratorio levou a cabo as "análises convenientes", contando tamén cunha mostra de "mucosa bucal" do demandante, e ratificou que ambos estaban "emparentados vía paterna". Así, a sentenza estimou integramente a demanda, pola que se declara o parentesco entre pai e fillo "con todo os efectos xurídicos inherentes", a inscrición da filiación no Rexistro Civil do Carballiño, e a condena ao demandado de pagar as costas do proceso xudicial.

Imaxe dos xulgados de Vigo
Imaxe dos xulgados de Vigo | Fonte: PEDRO DAVILA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta