Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/05/2022 | Actualizada ás 11:59
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorgou o Premio Iniciativa Empresarial da "XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" ao videoxogo ‘The Waylanders’ creado pola compañía coruñesa Gato Salvaje Studio.
‘The Waylanders’ é un xogo de rol clásico, pero cunha característica especial, a inspiración en localizacións do norte de España, especialmente en Galicia, cun toque fantástico dos mitos celtas e o oscurantismo dunha era medieval invadida por unha corrupción máxica. Ambientouse en distintos escenarios históricos como a Torre de Hércules ou a Catedral de Santiago, ademais doutras contornas como O Ézaro e Fisterra.
O proxecto desenvolveuse durante cinco anos. Aínda que inspirado nun xogo moi popular do inicio dos 2000, Dragon Age, ‘The Waylanders’ ten un estilo que destaca pola ambientación e a mitoloxía galegas, con toques de tema celta, de folclore, e apuntes medievais e de cristianismo moi arraigados en Galicia. Finalmente, saíu a venda en febreiro de 2022.
Narra a historia dun grupo de guerreiros que viaxa no tempo a través da época celta e medieval. O director creativo da compañía, Sergio Prieto, explica que a historia de base é unha adaptación dunha lenda irlandesa que conta que os fundadores de Irlanda saían de Galicia, historia coa que arrinca o xogo, pero cunha variación na lenda que o xogador descubrirá a medida que avanza na historia. Prieto apunta tamén que a mestura de razas apréciase no xogo, con humanos, trasnos e licántropos, ademais de mouros, fomores e xigantes da mitoloxía irlandesa.
O guión foi creado por dous profesionais que traballaron en grandes producións internacionais: Emily Grace Buck (The Walking Dead, Batman: The Enemy Within, Gardiáns da Galaxia) e Mike Laidlaw (sagas Dragon Age e Mass Effect).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.