Fin a 62 anos de historia

O CD Ourense envía á Federación a súa renuncia a competir en Terceira e en calquera outra categoría e a xuíza nomea un administrador xudicial para o proceso de liquidación da entidade. O Silva ocupa a súa praza.

Por gcdeportes | Ourense | 16/07/2014 | Actualizada ás 09:11

Comparte esta noticia

Adeus a un histórico. Xa non hai marcha atrás posible. O CD Ourense remitiu este martes un escrito á Federación Galega de Fútbol no que renuncia a competir en Terceira División e en calquera outra competición. Deste xeito, prodúcese o cese da actividade deportiva tras 62 anos de historia (o club foi fundado en 1952). Ao mesmo tempo, o xulgado mercantil de Ourense nomeou un administrador xudicial (Ángel Pascual) que será o encargado de levar a cabo o proceso de liquidación da entidade.ç

Concentración de seareiros na Praza Maior de Ourense.
Concentración de seareiros na Praza Maior de Ourense. | Fonte: @SOSOURENSE

“Debido á situación pola que atravesa o club, inmerso nun proceso de liquidación xudicial e despois de que no día de hoxe fose nomeado un Administrador Xudicial para proceder á disolución do club e, unido a que dende o club non queremos perxudicar a terceiros, interferindo negativamente no normal desarrollo das competicións... O Club Deportivo Ourense renuncia a participar nas diferentes competicións nas que estaba inscrito para a tempada 2014-2015”.

O CD Ourense, que tiña ata 330 deportistas inscritos en todas as categorías, incluída as de base, xa descendera hai semanas de Segunda B a Terceira División polas débedas cos xogadores e empregados. Agora, a praza en Terceira queda vacante, e será ocupada polo Silva coruñés.

A plaforma SOS Ourense, que loitou ata o último intre pola supervivencia do club, xa deu os primeiros pasos para inscribir un novo club baixo o nome de Unión Deportiva Ourense (xa está no rexistro da Xunta). Asemade, o Ponte Ourense principiou os trámites para pasar a chamarse Ourense CF SAD. As dúas partes manteñen contactos para tentar de unir esforzos e crear un club que represente a toda a cidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta