A Xunta reprocha ao Goberno "centralismo" e "lentitude" na xestión dos fondos europeos

O PSdeG esixe recolocar a empregados de Barreras e o Goberno galego ofrece apoio para a súa "recualificación profesional".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2022 | Actualizada ás 20:19

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Francisco Conde alertou do "risco evidente de perder investimentos" dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) e instou ao Goberno dar un "xiro" na súa política cos fondos europeos. Fíxoo, no Parlamento galego, en resposta a unha pregunta da deputada popular Marta Nóvoa sobre esta cuestión e na que denunciou unha política "centralista" por parte do Executivo central, ademais de "lentitude" na distribución de fondos.

"Está a limitar as competencias das autonomías, hai centralismo ao reservar o 66% dos fondos", denunciou Francisco Conde. "Dos 11 Pertes anunciados, tan só un 17% está a disposición do tecido produtivo", expuxo tamén. "O tecido produtivo do sector naval non coñece os criterios de repartición", engadiu ao incidir na falta de "transparencia". Fronte a iso, dixo que Galicia "cumpriu", á vez que pediu ao Goberno que traballe da man do sector e das comunidades autónomas.

Por outra banda, a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, defendeu que a Xunta non vai cuestionar unha decisión xudicial, nunha pregunta do deputado socialista Martín Seco reclamándolle que use as súas competencias para evitar a "perda" dun centenar de postos de traballo no antigo estaleiro de Barreras, en Vigo. Faino despois da decisión do Xulgado do Mercantil de Vigo de autorizar a venda a Armón da unidade produtiva de Barreras, quedando só con 20 dos máis de 120 empregados.

O parlamentario socialista recriminou á Xunta que "nos duros momentos dos traballadores optase por desaparecer" e culpouna de que empregados "vaian á rúa".  "Non nos van a atopar cuestionando unha decisión xudicial", insistiu a conselleira, quen asegurou que a Xunta apoiará a eses traballadores mediante a súa "recualificación profesional". 

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde.
O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta