O Concello de Verín quere recuperar o servizo de augas para evitar posibles danos medioambientais

O Goberno municipal iniciou días atrás o procedemento para a recuperación do Servizo Municipal de Augas, ante os indicios «certos e medibles» de que se non intervén podería rexistrarse un dano ecolóxico para o ecosistema da comarca.

Por Galicia Confidencial | Verín | 28/05/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Segundo o Goberno verinés, a depuradora municipal --que tamén trata a auga dalgúns dos concellos limítrofes-- está recibindo máis do dobre do caudal do que está preparada para procesar, e que sería máis que suficiente para atender a poboación de Verín e limítrofes de non haber infiltración de augas subterráneas que se introducen nas tubeiras en mal estado que atravesan o municipio. De feito, informaron, "a  Confederación Hidrográfica do Douro vén de revisar a autorización de vertido de  augas de Verín (de 3.000.000 metros cúbicos) corrixindo a súa taxa de 40.000 a 200.000 euros anuais debido á dilución dos residuos".

Rolda de prensa informando da posible 'remunicipalización' do servizo de auga. Foto: Prensa Concello de Verín
Rolda de prensa informando da posible 'remunicipalización' do servizo de auga. Foto: Prensa Concello de Verín

Ante esta situación, segundo os responsables municipais, o Concello encargou varios informes externos para coñecer as causas, ademais de instalar caudalímetros en varios puntos da rede de saneamento para aforar o líquido desprazado con precisión. Todos estes estudos referendaron que as filtracións son a causa do exceso de volume que recibe a depuradora.

TUBAXES EN MAL ESTADO

O Concello de Verín puxo en coñecemento da empresa concesionaria eta situación, informando das malas condicións das tubeiras --especialmente no colector norte desde Verín a Castrelo--  que provoca as devanditas filtracións. Segundo sinala tamén o goberno municipal, malia estas xestións a empresa non parece disposta a abordar os investimentos necesarios para solucionar a situación. 

"O risco de dano ambiental está aí", sinalou o alcalde de Verín, "e a saúde ecolóxica do Val do Támega non pode seguir dependendo dunha rede de saneamento en mal estado"

"O risco de dano ambiental está aí", sinalou o alcalde de Verín,

Ante esta situación, e aproveitando a existencia de varias liñas de proxectos e fondos europeos centrados nos criterios de sustentabilidade e mellora medioambiental, o Concello de Verín cre que é un bo momento para presentar un proxecto de saneamento integral, proxecto que xa está redactado e que solucionaría o exceso de vertedura.

Nesta liña de actuación, Gerardo Seoane, alcalde do municipio, vén de pedir informes aos diferentes departamentos municipais implicados neste asunto para tramitar a recuperación do Servizo de Augas; mentres que Diego Lourenzo, tenente de Alcalde, lembrou que Verín, xunto con outros concellos da comarca e a Confederación Hidrográfica, teñen en marcha un grupo de traballo para redefinir o ciclo da auga no territorio.

Lourenzo quixo aclarar tamén na rolda de prensa do pasado 24 de maio, que "esta é unha decisión moi meditada e documentada", xa que neste caso en concreto e unha medida que se toma en aras da defensa do interese xeral. "Desde o Concello estamos abertos a falar coa empresa concesionaria --como se fixo en reiteradas ocasións-- para chegar a un acordo pero, no caso de non facelo, actuaremos con responsabilidade e determinación en beneficio da cidadanía".

Diego Lourenzo: "esta é unha decisión moi meditada e documentada"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta