Confirmado o primeiro caso de varíola do mono en Galicia

Ascenden a 7 as persoas que presentaron un cadro compatible con esta enfermidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2022 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade recibiu a confirmación, por parte do Instituto de Saúde Carlos III, do primeiro caso positivo en Galicia da chamada varíola do mono.

Segundo confirmaron fontes sanitarias, a persoa afectada é un home da área da Coruña-Cee, que permanece illado no seu domicilio. Saúde Pública xa se comunicou cos seus contactos estreitos e trasladou as recomendacións pertinentes.

Esta confirmación prodúcese despois de que Sanidade enviase ao Centro Nacional de Microbioloxía as mostras de dous novos posibles casos desta infección. En total, ascenden a 7 as persoas que presentaron un cadro compatible coa varíola do mono.

As mesmas fontes sinalaron que, desde que se recibiu o pasado 17 de maio a alerta internacional sobre esta enfermidade, as autoridades sanitarias de Galicia permanecen "vixiantes" para identificar e confirmar (ou descartar) posibles casos.

Por outra banda, Sanidade tamén avanzou que, a partir da semana que vén, Galicia estará en disposición de realizar as probas PCR de confirmación diagnóstica deste virus.

Unha molécula das vexigas do mono como resultado dun estudo da universidade Carlos III.. Jesús Hellín - Europa Press
Unha molécula das vexigas do mono como resultado dun estudo da universidade Carlos III.. Jesús Hellín - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta