4000 millóns de euro de beneficio

Esa é a cantidade que ingresou o estado español durante 2013 por exportacións en material de guerra. Ou o que é o mesmo: na venda e fabricación dese material que termina caéndolle enriba da cabeza a un neno, para rebentarlla, España e outros estados ganan cartos. Coa comercialización desas bombas que rematarán voando sobre as praias onde uns pequechos xogan ao fútbol, felices, España e outros estados ganan cartos. Na preparación, mellora, calibración e perfeccionamento desas balas que serán aloxadas dentro das cabezas de nenas e nenos que pasaban por alí, polo lugar trabucado do planeta, alí onde se xogan os intereses económicos e territoriais dos poderosos, niso, España e outros países tamén ganan cartos.

Por Francisco Castro | Vigo | 26/07/2014

Comparte esta noticia
Estou agardando a que o novo líder do PSOE diga que se recupera o poder vai poñerlle freo ao comercio máis vergoñento, ou un deles (xa sabedes canto move a explotación sexual das mulleres, a laboral de menores, o comercio de droga...) porque unha persoa que fala de ética e de non sei que, non pode consentir isto. De feito, estou certo de que Mariano Rajoy, que me le, que o sei, que lle encanta o que escribo, xa está coa idea de convocar unha xuntanza urxente de líderes políticos mundiais para acabar de vez co comercio da morte.
 
A cuestión é clara. E a contradición tamén. Falamos de moral e ética e dereitos humanos e a paz no mundo (coma unha miss calquera) ao tempo que promovemos guerras e conflitos de todo tipo. É escandaloso escribilo. Pero é o que levan facendo dende hai séculos os gobernos dos países máis poderosos. 
 
Deixemos as andrómenas a un lado e recoñezamos sen dúbidas que todas as guerras se inician e rematan cando o poder económico así o decide. As guerras e outras formas da violencia. Por iso falo de contradición. Os dirixentes encargados, cando menos en teoría, en promover un estado de cousas achegado á paz e ao benestar e a seguridade, viven en indecente conivencia cos mercaderes da morte, da mutilación e o sufrimento.
 
Os cus gordos dos inflados millonarios engrándanse máis aínda a costa da morte e as bágoas de millóns de inocentes. 
 
Os que sempre pagan, con sangue, eses millóns de euros que outros amasan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro