Aforar un rei

Sorprende que nun estado como o español, no que a lentitude da administración si que é unha verdadeira "marca España", a velocidade coa que políticos e sistema xudicial traballan para aforar ao ex-rei sexa. Unha velocidade que xa quixeramos o común dos mortais, eses que pagamos impostos, para que se resolvan as cousiñas que nos preocupan e nos quitan o sono decote.

Por Francisco Castro | Vigo | 05/07/2014

Comparte esta noticia
Dende as institucións do poder fálase de "vía de urxencia" para aforar a Juan Carlos xa non só para o futuro (tamén cos actos que teñan que ver coa súa vida privada) senón tamén ao respecto de todo o que puidese ter acontecido durante os case que corenta anos do seu reinado.
Se eu fose un mal pensado, que non o son, diría que toda esta urxencia ten que ver co feito de que o Caso Nóos vai enchoupar a moita xente. A moita xente que precisa de estar aforada. Pero iso só o diría se eu fose un mal pensado. Pero xa dixen que non o son. Así que non o digo. Ou si. Non sei. Hai que ser moi  mal pensado para dicir tal.
 
Malia isto (non ser un mal pensado) non podo evitar deixar de escandalizarme polo feito de que logo de tantísimos anos de exercicio "real", a única cousa da que se fala, ou da que máis se fala, é de protexelo, coidalo, aforalo, impedir que nada nin ninguén lle poida pedir responsabilidades. Líbrenme os deuses de imaxinar (xa dixen que eu non son un mal pensado) que hai motivos obxectivos para pensar que poida estar implicado en calquera asunto feo. Xa sabemos que non. Xa sabemos que toda a súa vida foi un continuo, constante e incansable traballo a prol do benestar dos españois, os seus súbiditos. Iso xa o sabemos. Ou, cando menos, iso debería de ser, xa que é o que nos levan repetindo case que catro décadas. Que o rei só traballa por nós. Que o rei só pensa en nós. Que o rei perde o sono por nós.
 
Así que, dando por feito a súa bondade archirepetida e a moralidade absoluta de todos os seus comportamentos, digamos que non dou entendido de que haberá que protexelo. Porque, ademais, estamos a falar de que a xustiza, mirade ben, que A Xustiza (vouno poñer así, en grandiño, a ver se me explico mellor), que A Xustiza non poida pedirlle responsabilidades faga o que faga e, sobre todo, fixese o que fixese (que seguro que nada malo fixo: andan a aforalo por vía de urxencia porque non teñen máis que facer).
 
Sinceramente: non se entende. Así que xa podía sair del unha orde que dixese: mirade, eu estou limpísimo de todo e a miña conciencia está moi tranquila; non teño nada que temer porque non hai nada do que me acusar. Se tal fixese, aínda lle habiamos dar unhas palmadiñas nas costas. Unhas palmadiñas desaforadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro