Está a política sobrevalorada?

“Penso que é urxente outra forma de traballar desde o público e para o público, con un eido político máis magro, sinxelo, centrado e capaz, moito menos no orgánico de partido e que mire ao noso presente e, sobre todo, ao noso futuro”.

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 07/06/2022

Comparte esta noticia
Despois dun prazo prudencial e longo desde que a ditadura deixou de ser a nosa forma de goberno, un pensa que o eido político debería ter ido pasando a un plano cada vez máis discreto da actualidade. É normal que, ao principio e con todo por facer, houbese paixón na cidadanía por construír espazos de convivencia, e tamén a normativa necesaria para desenvolvermos a nosa vida en liberdade. Pero hoxe, xa con moito avanzado, quizais o esperable sería que o político fose un elemento garante e de sostén da nosa sociedade, sen tantos focos enriba, eficiente e eficaz e que, funcionando, permitise o desenvolvemento óptimo de todo o demais: o económico, o social, o tecnolóxico, o académico...
 
Porén, as cousas non son así ou, polo menos, moitos non as percibimos como tales. Segue a existir un enorme ambiente de confrontación entre os que, desde o pobo, se postulan para facer políticas e centrar as súas enerxías neste ámbito. Hai, ademais, unha grande industria da comunicación centrada precisamente no político, que ten a necesidade de amplificar cada día todos e cada un dos envites e zarangalladas, miserias e problemas nese tipo de foros. Recollen, magnifican, amplifican, disecan, proxectan e interpretan cada acontecemento, dirán que como exercicio da liberdade de expresión e de servizo público. Pero pensemos que moito diso do que se fala é fume, que non ten moito máis percorrido que o dos informativos dese día, e que tamén é certo que cada quen fala da feira segundo lle vai nela, de forma que, cando ante algún acontecemento singular un le diferentes xornais o escoita radios distintas, parece que a análise non é xa que non sexa coincidente, é que é diametralmente distinta. Ante todo ilo pregunto: Non lle estaremos dando demasiado peso na nosa sociedade á praxe política? Está a política sobrevalorada?
 
O que é evidente é que hai unha industria política verdadeiramente desmesurada, tanto en termos de número de administracións diferentes solapadas, como se miramos os diferentes órganos dos que nos temos dotado, ou a nómina de cargos non administrativos que viven dos mesmos. O número de asesores en determinados estamentos é abafante, e tamén o actual esquema competencial ben podería ser simplificado, cunha repercusión inmediata nos diferentes capítulos de gasto da Administración Pública. Para rematar a diagnose, outros moitos parámetros, como o dos territorios asignados a unidades de xestión (por exemplo os concellos) responden fundamentalmente a razóns históricas, e tamén poderían ser actualizados e simplificados. Con todo, somos un pais onde o peso do público e, máis especificamente, do estamento político, é importante.
 
Pero cando falo de demasiado impacto do político non só falo de cifras, por moito que estas sexan esaxeradas.  Tamén penso na consideración actual da política e os políticos, moi por riba doutros ámbitos de traballo moi vivos. Tratamos hoxe aos políticos como estrelas do “rock”, que se dan baños de masas e que van pontificando por aí -o falar non ten cancelas- en vez de centrarse nunha xestión máis calada, menos grandilocuente e máis eficiente. Ante tal cousa, moitos queren ser políticos para toda a súa vida, e de feito ese perfil de rapaz que primeiro entra no seu concello, logo na deputación e finalmente fai carreira na administración autonómica ou central, sen máis traballos coñecidos e sen competencias e formación reais que avalen tales traxectorias, é tristemente habitual no noso entorno. Pero fíxense que son os mesmos que, logo, nos falan da “cultura do esforzo”.
 
Creo que está pendente a gran revolución no eido da política. O adelgazamento das estruturas, unha revisión profunda das redundancias no seo das administracións públicas, e a eliminación das institucións que -como o Senado- non teñen hoxe un papel importante, útil e ben definido. Tamén o endurecemento dos códigos de conduta dos partidos e das persoas, para que ser político sexa verdadeiramente un servizo á sociedade, de carácter temporal e moito máis centrado. E, nesa liña, reducir tamén o peso político no comunicativo, saben? Porque a situación actual, co alto nivel de inflación dos contidos dimanados de tal ámbito, propicia que a intrahistoria e a posverdade, o márketing ou mercadotecnia, teñan suplantado á información veraz e precisa. Hoxe os políticos e as institucións que lles acubillan son dos maiores anunciantes e xeradores de contidos, e xa non é tanto o que pasa en realidade como o que hai que repetir ata a saciedade, nunha eterna campaña electoral, para que che aseguren co voto a túa estabilidade no posto ou no goberno...
 
Coido, mirando ao mar, que a política dunha sociedade, a súa limpeza, sinxeleza e grao de desenvolvemento son bos indicadores da saúde da mesma. E no noso caso, chámese Galicia ou España, hai moito traballo por facer, moito que rexenerar e moito que cambiar. Pero para iso tamén iría ben unha sociedade máis culta, máis preocupada polo de todos, cunha axenda cidadá de maior calidade e centrada nos temas importantes, e non nas teimas diarias, ou nos espectáculos recorrentes dos que non viven nada mal facendo que fan, moi apartados do ben común real. Se a iso sumamos a necesidade de amplos consensos en materias sensibles e fundamentais como a educación ou a sanidade que queremos, de xeito moi distinto aos bandazos sucesivos dos diferentes gobernos, penso que é urxente outra forma de traballar desde o público e para o público, con un eido político máis magro, sinxelo, centrado e capaz, moito menos no orgánico de partido e que mire ao noso presente e, sobre todo, ao noso futuro.
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Fachada principal do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia
Fachada principal do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia | Fonte: Parlamento de Galicia.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.