Dúas versións opostas no PPdeG sobre a reunión de Rueda coa oposición: a positiva de Calvo e a negativa de Prado

Mentres o vicepresidente segundo espera que "se alcancen puntos de encontro", secretaria xeral do partido ve "difícil" que saian consensos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/06/2022 | Actualizada ás 19:35

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, espera que a reunión do presidente Alfonso Rueda cos líderes da oposición que se celebrará este luns sexa "construtiva" e nela "se alcancen puntos de encontro". Mentres, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou este domingo que ve "difícil" que saian consensos da reunión que este luns está previsto que manteña Rueda, coa oposición debido ás posturas previas tanto do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, como da portavoz do BNG, Ana Pontón.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo (esquerda) e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a toma de posesión dos membros do Goberno de Galicia
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo (esquerda) e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a toma de posesión dos membros do Goberno de Galicia | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

"Creo que é moi importante que se produza ese contacto, sobre todo cando tamén estamos pendentes de que Rueda se reúna con Sánchez. O oportuno sería tentar chegar a puntos de encontro", comentou o vicepresidente nunha entrevista concedida a RNE Galicia este domingo.

Calvo apuntou tamén, respecto dunha futura reunión co líder do Executivo central, que será máis útil se Galicia leva unha postura única "polo menos nalgúns temas", entre os que citou a transferencia da AP-9, os fondos Next Generation ou situción económica actual.

Paralelamente, nunha entrevista en Radio Galega, a súa compañeira Prado lamentou que, aínda que "por regra xeral" en inicios de procesos de consenso é "optimista", neste caso "a realidade" lévaa a "un estado pesimista".

Así, expresou que Ana Pontón "leva unha realidade paralela", na que, ao seu xuízo, "se erixe como presidenta" e "non tenta achegarse á realidade galega nin a tentar buscar puntos de consenso".

Sobre González Formoso, a secretaria xeral dos populares galegos cualificou de "terrible" a comparación que fixo o socialista este fin de semana da situación da sanidade galega coa de Járkov, en Ucraína. Prado criticou esta comparación, sinalando que, na súa opinión, "fóiselle un pouco a man" e engadiu que esta afirmación "xa indica un pouco por onde van os tiros", respecto da reunión deste luns. "Se xa partimos desta comparativa, dificilmente vai haber acordos", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta