Un Breogán 'solidario'

Álex Llorca, escolta procedente do Lleida que destaca pola súa versatilidade, quinta fichaxe do equipo lucense. Lisardo Gómez tenta armar un equipo sólido dende a defensa.

Por gcdeportes | Lugo | 27/07/2014 | Actualizada ás 11:09

Comparte esta noticia

Tiña outras ofertas, pero Álex Llorca apostou polo Breogán coa intención de loitar polo ascenso á ACB. Escolta de 1,92 metros e 25 anos procedente do Força Lleida, destaca pola súa versatilidade no xogo, o seu un contra un e polo seu carácter: competitividade e agresividade defensiva. Na liña do proxecto de Lisardo Gómez: un equipo solidario, para defender e correr. Xa o ten dito o técnico lucense: “Non seremos o mellor plantel, pero imos ser o mellor equipo”.

Álex Llorca, entrando a canastra co Lleida.
Álex Llorca, entrando a canastra co Lleida. | Fonte: feb.es

Llorca é a segunda fichaxe procedente de Lleida: a primeira foi Osvaldas Matulionis, aleiro de 2,00 metros e 22 anos. Son xa cinco os xogadores no plantel lucense para a LEB Oro 2014-15: os bases Adrián Chapela e Dani López e os exteriores Álex López, Llorca e Matulionis. O xogador catalán firmou no Lleida 11,1 puntos e 2,4 asistencias, e 4,2 rebotes sendo escolta. A porcentaxe de acerto superou o 50% en tiros de 2 (50,7%) e firmou un 40,7% en tiros de 3, sendo un dos xogadores máis destacados do equipo catalán.

O adestrador do Ribeira Sacra, Lisardo Gómez, valorou o novo reforzo: “É un xogador en franca evolución durante as últimas campañas, gañándose a pulso ser un dos xogadores importantes da competición. Mellorou moito o seu tiro, domina o xogo de pick&roll e é moi bo en defensa. Ademáis, posúe un carácter gañador indiscutible”.

Fáltalle agora ao Breogán un tirador, que ben podería ocupar unha das prazas de estranxeiro, e todo o xogo interior, pendentes da decisión que tome Michel Diouf, o preferido polo corpo técnico para ser o referente na pintura. A partir de aí, virá o resto. O adestrador lucense confía ter un xogo interior potente para afrontar con garantías a competición.

Con información de Alberto López Muñiz, autor da web somosbreogan.org

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta