Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2022 | Actualizada ás 21:05
O presidente do Real Valladolid, Ronaldo Nazario, chegou á Praza do Obradoiro no mediodía deste mércores ao concluír o Camiño de Santiago que realizou como promesa polo ascenso do club á Primeira División.
Alí, o histórico futbolista, convertido no peregrino número 106.011 en recibir a 'compostela' este ano, sorprendeu a decenas de persoas, tanto locais como visitantes, que non dubidaron en achegarse a el para pedirlle un 'selfie' aos pés da Catedral. Ronaldo, a bordo dunha bicicleta eléctrica e en compañía da súa parella, Celina Locks, e un equipo de apoio, comezou a ruta xacobea o pasado domingo desde o céspede do Estadio José Zorrilla, en Valladolid, polo que a travesía lle levou tres días.
O ex xogador brasileiro optou polo Camiño de Inverno --menos concorrido que outras opcións, como o Francés ou o Portugués-- en seis etapas nas que atravesou as provincias de León, Ourense, Lugo, Pontevedra e A Coruña.
Durante as catro xornadas que estiveron en ruta, Ronaldo foi compartindo as diferentes etapas a través dos seus perfís en redes sociais. Entraron en Galicia a través da comarca leonesa do Bierzo e percorreron municipios como Monforte, Quiroga e Lalín "doloridos pero animados", tal e como recoñeceu o histórico futbolista nunha publicación de Instagram.
Á súa chegada ao Obradoiro, Ronaldo foi recibido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen subliñou a importancia que ten a visibilización do Camiño de Santiago de man de persoas como o emblemático xogador de equipos como o Real Madrid e o Barça, xa que retransmitiu a súa viaxe a través da súa canle en Twitch, onde ten máis de 51.000 seguidores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.