A Xunta pide ás empresas protexer o persoal dos riscos psicosociais das novas tecnoloxías

Dispoñibilidade permanente, horarios de traballo irregulares, límites difusos entre o traballo e a vida privada, e formas precarias de desempeñar as tarefas son algúns dos perigos asociados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2022 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia defendeu que as empresas deben establecer marcos que permitan protexer o persoal dos perigos, "sobre todo no ámbito psicosocial", que poden enfrontar pola chegada da intelixencia artificial ou de plataformas dixitais nas súas organizacións.

Así o defendeu a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, que participou este xoves na apertura do simposio internacional sobre dixitalización global e o seu impacto na seguridade e na saúde do traballo, organizado pola Fundación Internacional ORP de prevención de riscos laborais.

Mancha alertou da modificación dos hábitos laborais, que xa alteraron os lugares de traballo, que se están adaptando ás novas tecnoloxías con maior intensidade tras a pandemia". "Estes avances tecnolóxicos poden implicar melloras na produción e redución de custos, pero tamén abren a porta a novos riscos laborais que administracións e empresas deben abordar", sinalou.

Concretamente, para a directora xeral a intelixencia artificial e as plataformas en liña son "tecnoloxías emerxentes que están en proceso de aprendizaxe e mellora e, por iso, poden significar riscos laborais aos que se deben enfrontar os empregados".

As plataformas dixitais, comentou, permiten a monitorización e o control sobre o traballo dun modo máis "acentuado", o que pode esixir, sinala Mancha, dispoñibilidade permanente, horarios de traballo irregulares, límites difusos entre o traballo e a vida privada, e formas precarias de desempeñar as tarefas.

"Isto pode afectar a factores de risco como a excesiva carga de traballo ou a propia autonomía, que deben evitarse. A falta de contacto con outros compañeiros provoca un illamento social que pode causar depresión ou pode afectar as interaccións sociais das persoas, que afecta ao ítem de relacións e apoio social", apuntou.

A Xunta insiste así en "vixiar os riscos psicosociais a través de estratexias de seguridade e saúde nas organizacións", como as que propón a Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo que pasan, por exemplo, polo desenvolvemento dun marco ético, con códigos de conduta e gobernación apropiados; o compromiso coa prevención e o deseño de procesos de dixitalización que integren os factores humanos; ou a aplicación da normativa de protección en toda a súa extensión.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participa na apertura dunha xornada sobre dixitalización global e o seu impacto na seguridade e a saúde no traballo organizada pola Fundación Internacional ORP. CONCHI PAZ
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participa na apertura dunha xornada sobre dixitalización global e o seu impacto na seguridade e a saúde no traballo organizada pola Fundación Internacional ORP. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta