A Medicina Interna do Sergas, atrapada na "sobrecarga", a precariedade e a fuga de persoal

Os profesionais non descargan unha convocatoria de folga en todo o colectivo ante unha Xunta que, explican, non achega solucións e á que se lle acumulan as revoltas dentro da sanidade galega.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O persoal médico internista dixo 'ata aquí'. A sobrecarga asistencial, a falta de facultativos e as precarias condicións de traballo levan tempo poñendo nunha situación de risco un dos servizos máis importantes dos hospitais pola súa "transversalidade" no tratamento das doenzas. Agora, as queixas dos profesionais sacan á luz a existencia dunha Medicina Interna galega baixo mínimos, tanto pola falta de cobertura das vacantes, como pola fuxida constante de profesionais cara a outros territorios ou cara á sanidade privada na procura de mellores condicións laborais.

Persoal sanitario, hospital, enfermeira, médico
Persoal sanitario, hospital, enfermeira, médico | Fonte: Europa Press.

Hai uns días, máis de 270 profesionais desta especialidade asinaron unha carta dirixida ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, así como á xerencia do Sergas e á Consellería de Sanidade, na que alertaban dunha "actividade asistencial inasumible" na especialidade, e pola que urxían a convocatoria dunha reunión e dunha "mesa de negociación". Á espera delas, o persoal médico mantén no foco da protesta a precariedade na que desenvolven o seu traballo, algo que, din, "compromete a calidade asistencial e mesmo a seguridade dos pacientes".

"A problemática leva tempo fraguándose", explica María Pazo, unha profesional con case 20 anos de experiencia no servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitario Universitario de Santiago (CHUS). "Vimos observando nos últimos dez anos un aumento progresivo da demanda polo incremento da esperanza de vida, o envellecemento da poboación e a maior cantidade de enfermos pluripatolóxicos, que atendemos nós desde esa visión integradora e transversal que dá a Medicina Interna", sinala en conversa co Galicia Confidencial. 

SOBRECARGA DE TRABALLO

Foi, sobre todo, a partir do 2019 cando as cargas de traballo comezaron a ser inasumibles con maior frecuencia. "Intentamos falar con dirección porque nos viamos agobiados, moi estresados, pero nisto chegou a pandemia, cuns niveis de hospitalizacións tremendos que tensaron moito máis a situación", expón Pazo. As queixas, logo, fóronse adiando 'sobreesforzo' tras 'sobreesforzo'. "Seguimos tirando do carro, pero tampouco debemos esquecer as nosas loitas laborais. Estamos preocupados porque non podemos ver en condicións óptimas os pacientes, e iso pode comprometer a calidade da asistencia", prosegue.

Sanitaria nunha UCI, protexida contra a covid-19
Sanitaria nunha UCI, protexida contra a covid-19 | Fonte: EFE.

O servizo de Medicina Interna de Santiago está "todo o tempo" cun nivel de ocupación superior ao 100% das camas dotadas. En consulta, o persoal atende unha media de 15 pacientes diarios, con picos "que son unha barbaridade" de ata 22 doentes, se ben os estándares para unha calidade asistencial adecuada sitúan o límite nos oito pacientes diarios.

"Ao final fas o dobre de traballo do que deberas, e non che queda outra que aumentar horas e ir máis rápido, ver as cousas máis por riba, e con cansanzo acumulado", di Pazos, que recoñece que o persoal está "moi queimado". "Non poucos temos que recurrir a algún tipo de ansiolítico para poder conciliar o sono. Día tras día a situación é a mesma: ir traballar, con moitos pacientes por diante e sentindo o teu labor moi pouco valorado e recoñecido pola administración, despois de ter feito tantos sobreesforzos durante todo este tempo". 

FALTA DE PERSOAL MÉDICO

Esta situación de sobrecarga asistencial vese agravada pola falta de persoal médico que sofre a Medicina Interna e a sanidade pública en xeral, e que radica, segundo os profesionais, na precariedade laboral do Sergas. "Ademais de ter moitísimo traballo, os contratos son precarios e inestables. Estás hoxe aquí, mañá alá. Non sabes ata o 31 de mes se vas seguir traballando ou non". Unha incerteza incompatible, di, coa construción dun plan de vida logo de anos formándose, opositando e traballando como médico interno residente. "Unha vez rematas todo ese periplo, xa máis preto da trintena, empezas coa historia de encadear pequenos contratos", explica Pazo. 

Hadrián Pernas, logo de facer a súa residencia en Santiago, onde sufriu momentos de "sobrecarga altísima" que afectaban mesmo o seu programa formativo, bateu cos problemas de déficit de persoal no Hospital do Salnés: "Ata hai pouco cubrimos a hospitalización a domicilio e tamén estamos atendendo a unidade de paliativos, porque ese contrato estrutural desapareceu", explica Pernas, que asegura ter a sensación de estar "sempre parcheando" eivas estruturais, o que tampouco permite á Medicina Interna desenvolver as súas tarefas e avanzar de xeito especializado. A situación complícase, di, nas épocas de vacacións: "Preocúpanos o verán porque vai supoñer un sobreesforzo moi grande".

FUXIDA Á PROCURA DE MELLORES CONDICIÓNS

Nos últimos 15 anos que María Pazos leva no servizo, tan só unha persoa dun total de 30 internistas dos que pasaron como persoal médico residente quedaron na Medicina Interna de Santiago. "Moita xente marcha a outras comunidades autónomas ou á privada, onde ofrecen mellores condicións", explica. É o caso, por exemplo, da internista Lara Mateo. As dificultades para a conciliación e a inestabilidade laboral impulsárona hai un ano a aceptar un contrato laboral indefinido e cun soldo similar no hospital privado HM Rosaleda.

"Levaba cinco anos traballando a base de contratos encadeados de meses en Santiago e, de repente, quedei no paro. Pouco despois xurdiu a opción da privada: condicións máis seguras, estabilidade e sen sobrecarga asistencial. Aquí traballas máis tranquila", explica Mateo. Cun cativo pequeno, resultáballe "imposible" asumir os contratos de gardas para "asegurar unha maior continuidade de traballo". "Era un estrés. Sabía a que hora chegaba pero non cando marchaba nin cantos pacientes ía ver. Un caos que acababa repercutindo na túa marxe de erro", sinala. 

DEMANDAS

O persoal médico internista reprocha a "progresiva falta de respecto e coñecemento da especialidade de Medicina Interna", unha "visión reducionista" que está na base do "desprezo progresivo" que veñen soportando. Hadrián Pernas explica que, se ben é "moi beneficioso para todas as especialidades ter un médico cunha perspectiva transversal, a Medicina Interna a nivel político importa menos". O internista pon o foco na "falta de programación" e de visión anticipadora das necesidades, cunha ocupación que xa roldaba o 200% e 250% mesmo antes da pandemia.

Ante un problema que, remarcan, "é estrutural e non puntual", os especialistas esixen á Xunta e á xerencia do Sergas "tomar en serio" as súas reivindicacións e cubrir o 100% das vacantes de "maneira urxente", desenvolver unha planificación realista do número de facultativos que se precisan, comprometerse a realizar unha OPE anual ou bianual, incrementar o número de prazas MIR e incentivar a ocupación das prazas de difícil cobertura. Rexeitan, así mesmo, os contratos que busca impulsar a Xunta e que inclúen o desprazamento a outros hospitais comarcais, dado que "dificulta o seguimento dos pacientes" e repercute na calidade asistencial, sentenza Pazo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta