A metade dos pensionistas en Galicia sobrevive con menos de 780 euros mensuais

As mulleres perciben un terzo menos que os homes e As Pontes segue á fronte dos municipios con mellores pensións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2022 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

A pensión media en Galicia situouse ao termo do ano 2021 en 1.011,09 euros, aínda que case a metade das persoas pensionistas galegas perciben retribucións inferiores a 780 euros, dos cales, un 10% non chega a 505 euros. Así se desprende dos datos publicados este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o balance anual das pensións contributivas en Galicia.

En total, hai 671.786 persoas que perciben pensións contributivas da Seguridade Social, das cales o 50,4% son mulleres, quen cobran un 33% menos que os homes. Case o 81% do total de pensionistas teñen 65 anos ou máis, unha franxa etaria entre a que se sitúa o grupo maioritario de persoas que perciben pensións contributivas: os que teñen entre 65 a 74 anos --127.605 homes e 107.725 mulleres--.

Da análise por franxas de idade despréndese que os homes cobran máis que as mulleres en todos os grupos, especialmente nos tramos coas retribucións máis altas, é dicir, os de 55 a 64 anos (un 38% máis) e entre 65 a 74 (case un 33%). Outro dato que reflicte a desigualdade entre sexos está en que máis do 25% dos homes teñen pensións por encima dos 1.400 euros, unha contía que só exceden o 10% das mulleres pensionistas.

A CORUÑA E PONTEVEDRA, Á CABEZA

En canto ás provincias, a media na Coruña (1.047,21 euros) e Pontevedra (1.048,82) pasa a media galega con máis de 1.000 euros en ambas, un limiar ao que non chegan Lugo (942,31) e Ourense (890,72 euros).

As provincias atlánticas tamén son as que concentran o maior número de pensionistas, pois suman máis do 70% das persoas que perciben pensións contributivas --A Coruña o 39,7% e Pontevedra, o 32,1%-- mentres que Lugo e Ourense achegan o 12,1% e o 11,3%, respectivamente; unha distribución que coincide coa repartición de poboación galega.

Así as cousas, o número de pensionistas en Galicia incrementouse un 5,8% na última década. De novo, a realidade demográfica galega déixase ver neste apartado, cun aumento do 11% do total de pensionistas en Pontevedra e caídas en Lugo e Ourense. Deste xeito, o importe medio da pensión en Galicia aumentou en 225,63 euros, un 28,7% respecto dos datos de 2011, coa Coruña á cabeza (28,8%) e Ourense á cola (27,3%).

AS PONTES, MÁIS ALTAS; AVIÓN, MÁIS BAIXAS

Un ano máis, As Pontes de García Rodríguez é o municipio coas pensións máis altas, cunha media de 1.525 euros, seguido de Fene con 1.343 euros e Cervo con 1.385. Ferrol e A Coruña, con 1.277 e 1.230,09, respectivamente, pechan a táboa dos cinco concellos con pensións máis altas.

No outro extremo sitúase Avión, onde os seus pensionistas cobran unha media de 627 euros, e Santa Comba, no que perciben 681 euros. Padrenda con 685, Tordoia con 689 e Baltar con 689 euros, son os outros concellos coas pensións medias máis baixas de Galicia.

En xeral, o 60% dos municipios teñen medias de menos de 881 euros e só en 54 se superan os 1.000 euros. Por zonas, as pensións máis altas están nas áreas das sete cidades, a Mariña luguesa, Valdeorras, As Pontes, Bueu, o Barbanza, Baiona e Cee. A media galega é superada nas grandes cidades, con Ferrol, A Coruña e Vigo con pensións por encima dos 1.205; mentres que en Ourense o importe medio é de 1.044,66 euros; o máis baixo das sete urbes.

XUBILACIÓNS

Os datos do IGE reflicten que o número de persoas que en Galicia perciben unha prestación por xubilación aumentou durante o período entre 2014 e 2021 tanto para homes (10.493 máis) como para mulleres (12.130). Con todo, o ano 2020 deixou un descenso notable entre os homes, con 1.643 pensionistas menos como consecuencia da pandemia.

A Coruña e Pontevedra absorben este crecemento mentres que Lugo e Ourense manteñen a súa tendencia á baixa. En canto aos importes medios, crecen máis as altas que as baixas, cun aumento de 175 euros entre as primeiras desde 2014 por só 140 entre as baixas.

Xubilados galegos na Alameda de Santiago, pensionistas. EUROPA PRESS - Arquivo
Xubilados galegos na Alameda de Santiago, pensionistas. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta