A importancia da integración para facer de Galicia "un lugar de acollida e asilo"

As ONG Ecos do Sur e Entreculturas celebraron distintos actos co gallo do Día Internacional das Persoas Refuxiadas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/06/2022 | Actualizada ás 19:28

Comparte esta noticia

A ONG Ecos do Sur destacou este luns, no marco do Día Internacional das Persoas Refuxiadas, a importancia da integración para facer de Galicia "un lugar de acollida e asilo". A organización celebrou este día co evento 'Bibliotecas Humanas: Falemos de Refuxio', un encontro levado a cabo na súa sede na Coruña no que participaron oito persoas refuxiadas para falar das diferentes experiencias en torno ao asilo e refuxio.

Día Internacional das Persoas Refuxiadas
Día Internacional das Persoas Refuxiadas | Fonte: Ecos do Sur.

Segundo destacou Ecos do Sur, as persoas refuxiadas que interviñeron neste acto relataron as súas vivencias e todos coincidiron en sinalar que saíron dos seus países por problemas políticos, entre eles, a toma do poder polos talibán en Afganistán, persoas que foxen da violencia das cuadrillas centroamericanas como a MS13 ou o Barrio 18, ou que foxen de Ucraína pola guerra.

En concreto, a afgnana Getty contou que chegou a Galicia pola situación interna do seu país, xa que é pintora e "non podía traballar ao ser muller e, moito menos, ao ser artista" porque "estaba mal visto". Como viu que os seus fillos tampouco tiñan posibilidades, decidiu "escapar rapidamente de alí, case sen equipaxe e cunha situación de pánico".

Por outra banda, a organización detallou que unhas 150 persoas solicitantes de protección internacional chegadas a Galicia desde hai un ano fixeron uso dos servizos que ofrece Ecos do Sur --asesoría xurídica, atención psicolóxica, mediación intercultural, apoio para o acceso a recursos básicos, ensino de español, formación e itinerarios para a procura de emprego--, que a entidade proporciona co financiamento da Consellería de Política Social e da Deputación da Coruña.

EXPOSICIÓN NA CORUÑA

A ONG Entreculturas presentou este luns a mostra e os talleres 'Somos Migrantes'. A exposición, localizada no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, busca trasladar ao público "as dificultades de multitude de persoas desprazadas dos seus fogares debido aos conflitos bélicos existentes no planeta".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta