Investigan un novo proceso para producir silicio en fábricas de Galicia e Noruega

O silicio converteuse nunha materia prima fundamental en Europa, usada na fabricación de semiconductores e microchips para os computadores, aluminio, siliconas e até nos paneis solares

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/06/2022 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

Investigadores procedentes de nove países de Europa, Estados Unidos e África reúnense estes días na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago para pór en común os avances no proxecto europeo SisAl Pilot. Buscan a produción de silicio de calidade con baixo impacto ambiental. No noso país, os investigadores que participan no proxecto están adscritos ao  Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), impulsado polo tres universidades galegas. Ademais, forman parte de SisAl Pilot centros de investigación europeos e empresas nacionais e internacionais para a aplicación dos resultados, como Fundiciones Rei e Rei Bronze Castings en Galicia.

Obleas de silicio fabricadas no Instituto de Microelectrónica de Barcelona. IMB-CNM-CSIC
Obleas de silicio fabricadas no Instituto de Microelectrónica de Barcelona. IMB-CNM-CSIC

Os matemáticos galegos participan neste proxecto internacional realizando a simulación numérica deste novo proceso industrial nos fornos da empresa norueguesa Elkem, un dos principais produtores de silicio de Europa, e de Fundiciones Rey y Rey Bronze Castings en Galicia. A actual coordinadora deste proxecto no CITMAga é Dolores Gómez, profesora  do Departamento de Matemática Aplicada da Universidade de Santiago. "O noso obxectivo é realizar simulacións numéricas baseadas nestes modelos que poidan apoiar os ensaios experimentais dos socios industriais. Por pór un exemplo, é posible calcular a temperatura dos materiais que se introducen dentro do forno e o tempo que tardarían en fundirse a partir dunhas determinadas condicións de operación, indica nun comunicado.

A investigadora sinala que a idea é que as industrias que participan neste proxecto poidan utilizar os seus propios fornos para a obtención de silicio, podendo mesmo mellorar o seu deseño se fose necesario. Neste sentido, suliña que, "independentemente da tecnoloxía de forno utilizada, e co fin de deseñar un proceso eficiente, hai que tomar numerosas decisións técnicas que están relacionadas principalmente co deseño e a calibración do forno". Por iso, a simulación numérica desempeña un papel esencial, xa que permite non só comprender mellor os fenómenos físicos subxacentes e como se axustan, senón tamén investigar o impacto dun parámetro ou conxunto de parámetros.

PRODUCIÓN DE SILICIO

Hai empresas que tradicionalmente se dedican á produción de silicio, como a norueguesa Elkem e en Galicia a fábrica de FerroGlobe na Coruña. Os investigadores participantes neste congreso cren que, se se demostra que con este proceso pódese obter silicio de boa calidade a baixo custo, este tipo de industrias poderíano utilizar tamén noutros procesos da propia empresa. No caso das galegas Fundiciones Rey y Rey Bronze Castings, tería máis repercusión -segundo os investigadores- posto que na actualidade dedícanse á fundición de ferro e bronce respectivamente, co cal no futuro poderían ampliar a súa actividade á obtención de aluminio-silicio.

A finalidade é que os fornos que funden o metal resulten o máis eficientes posible, aforrando enerxía, tempo e recursos económicos. E, segundo Dores Gómez, os ensaios realizados tanto na empresa norueguesa como na galega son "moi prometedores, pondo de manifesto unha vez máis a importancia da transferencia de coñecemento da universidade á industria".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta