Pontón presenta en Ferrol un plan de 700 millóns para axudar a PEMEs e persoas ante a suba de prezos

"Son as medidas que tomaría un goberno do BNG ante a subida de prezos que está a afogar ás familias, á clase traballadora e ás empresas", destacou a portavoz nacional do Bloque.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 21/06/2022 | Actualizada ás 20:43

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou este martes en Ferrol as propostas da súa formación para paliar os efectos da espiral inflacionista, entre as que se inclúe un plan de choque de 700 millóns para axudar ás persoas e pemes ante a alza de prezos.

Pontón participou na cidade departamental nun acto público dentro da campaña que o Bloque desenvolve por toda Galicia baixo a lema 'Os prezos soben, os teus cartos baixan'.

No acto, do que informou a formación nacionalista nun comunicado, lembrou que mentres Galicia conta con salarios por baixo da media e coas segundas pensións máis baixas do Estado, o IPC de maio foi do 9,6%, case un punto por encima da media estatal.

"Unha escalada inflacionista que provocou unha subida dos prezos en produtos básicos", indicou para sinalar que hoxe os galegos pagan un 42% máis polo aceite, un 32% máis polos ovos e un 15% máis polo leite. "A bombona de butano custa 20 euros, un 33% de subida, a gasolina subiu un 47%, e a factura da luz está convertida nunha estafa legalizada", censurou.

Ante iso, na presentación, na que tamén participou o portavoz municipal Iván Rivas, Pontón destacou que a peor crise de prezos en catro décadas "require medidas urxentes" polo que o BNG presenta "un plan de choque" para mobilizar 700 millóns de euros destinados a paliar os efectos dunha inflación descontrolada.

"Son as medidas que tomaría un goberno do BNG ante a subida de prezos que está a afogar ás familias, á clase traballadora e ás empresas", destacou a portavoz nacional, en contraposición á "parálise" dun goberno do PP que "non ten alternativas ante o impacto da escalada de prezos" máis aló da "receita fracasada de baixar impostos a quen máis ten e, dese modo, seguir debilitando ao sector público que se financia, precisamente, vía fiscal".

Pontón detallou as principais propostas dese plan de choque, que inclúe un fondo de rescate social por importe de 90 millóns de euros para axudar aos colectivos máis desfavorecidos con medidas como incrementar o complemento autonómico das pensións non contributivas, as de menor contía; mellorar a prestación da Risga e facer que sexa compatible coa percepción do ingreso mínimo vital; así como incrementar as axudas para sufragar os gastos básicos de vivenda para as rendas máis baixas.

A segunda gran liña de actuación é un fondo de rescate económico dotado con 175 millóns de euros destinado aos sectores produtivos e ás pemes, con accións como un programa para incentivar o consumo no comercio local e a hostalaría, e 40 millóns para o sector primario, tanto agrogandeiro como pesqueiro.

Ademais, inclúe como terceira medida un plan de investimentos extraordinario en obra pública, centrado en vivenda, transición enerxética e transición dixital, capaz de mobilizar 325 millóns. En cuarto lugar, un fondo de apoio aos concellos de 35 millóns para compensar a subida da factura da luz e dos carburantes, así como para cubrir a revisión de prezos nos contratos de obra da administración local.

Por último, contempla un fondo de liquidez de 75 millóns de euros para facilitar liñas de financiamento e avais ás pequenas e medianas empresas. "O que non podemos é ter un goberno do PP cruzado de brazos, o que urxe é tomar medidas para frear o empobrecimiento da maioría social", concluíu.

Arquivo - A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Arquivo - A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. M. Dylan - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta