Traballadores de Urxencias reclaman máis persoal para o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol

Traballadores detallaron que en moitas ocasións os pacientes que están á esperar de cama para poder ingresar, "permanecen en Urxencias en condicións inadecuadas durante moito tempo, moitas veces superiores ás 24 horas, nunha padiola e moitas veces en corredores que son mesmo saídas de emerxencia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2022 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

Sobre medio centenar de traballadores do servizo de Urxencias do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol concentrouse ante a entrada destas instalacións a media mañá deste xoves, 23 de xuño, para demandar máis persoal e a ampliación física da mesma para poder atender "nunhas condicións dignas" tanto a pacientes como a familiares.

Un dos traballadores que se concentrou, José Lorenzo, detallou, en declaracións a Europa Press, que esta concentración foi convocada porque levan "moito tempo nas que as condicións para os pacientes son horribles e calquera da zona sabe que cando acode a Urxencias isto está completamente saturado".

Así, destacou que "non se pode ofrecer un trato digno aos pacientes, que se amontoan nos corredores durante horas e días en padiolas, sen espazo entre eles, e non é posible atendelos como se merecen", asegurou.

Lorenzo resaltou que os traballadores lle trasladaron á Xerencia "esta situación, porque isto non é de agora, é desde hai moito tempo, aguantamos estas saturacións durante os dous últimos anos", en alusión á pandemia sanitaria xerada polo coronavirus, "pero as obras que se van a facer aínda tardarán moitos anos e isto hai que solucionalo xa".

MÁIS PERSOAL

O traballador do Sergas estimou que é necesario "ir facía unha sanidade máis humanizada, máis próxima ao paciente e tratar ás persoas como o que son". E destacou a necesidade de "contar con máis persoal". "Non máis diñeiro para nós, pedimos máis profesionais para poder atender á xente dunha maneira adecuada", sinalou.

Outros traballadores abundaron en que tal e como está actualmente este servizo "resulta moi difícil garantir unha atención sanitaria urxente, digna e adecuada" e que esta zona do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol "carece de espazos suficientes para atender adecuadamente aos pacientes, asegurando a súa intimidade, dignidade e seguridade".

Tamén detallaron que en moitas ocasións os pacientes que están á esperar de cama para poder ingresar, "permanecen en Urxencias en condicións inadecuadas durante moito tempo, moitas veces superiores ás 24 horas, nunha padiola e moitas veces en corredores que son mesmo saídas de emerxencia" e que deberían de estar libres ante unha necesidade de evacuación.

Hospital Arquitecto Marcide, Ferrol
Hospital Arquitecto Marcide, Ferrol | Fonte: Páxinas Galegas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta