O movemento feminista apoia as mobilizacións das traballadoras do Servizo de Atención ao Fogar

Reclama a aplicación "inmediata" da cláusula de revisión salarial do IPC real para actualizar os salarios nun 6,5% e un convenio colectivo que "dignifique" as condicións laborais do sector.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2022 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

A Marcha Mundial das Mulleres da comarca de Compostela acordou trasladar o apoio ás traballadoras do Servizo de Atención ao Fogar (SAF), un colectivo feminizado integrado por 8000 persoas en Galicia que "padece constantes recortes que inciden na precariedade laboral deste sector esencial", explican nun comunicado.

Protesta de SAF Galiza para reclamar melloras nas condicións laborais
Protesta de SAF Galiza para reclamar melloras nas condicións laborais | Fonte: SAF GALIZA

Así, en Compostela secundarán a mobilización prevista para este mércores 29 de xuño ás 20:00 diante do Concello de Teo polo cumprimento do convenio das traballadoras do SAF e animan á veciñanza a sumarse ás reivindicacións deste colectivo que desenvolve un traballo social.

Para a Marcha Mundial das Mulleres é "fundamental a actualización e cumprimento do convenio colectivo para garantir os seus dereitos laborais" e a realización dunha campaña divulgativa das súas funcións onde se primen no plan de traballo de servizos sociais os labores de acompañamento e ximnasia nun 80% e de aseo persoal e limpeza básica nun 20% do horario. Ademais, reclaman a aplicación "inmediata" da cláusula de revisión salarial do IPC real para actualizar os salarios nun 6,5% e un convenio colectivo que "dignifique" as condicións laborais do sector.

"Débese prestar o servizo en condicións de traballo dignas como corresponde cunha actividade esencial da que depende o benestar das persoas maiores e dependentes en situación de vulnerabilidade", sinala a Marcha Mundial das Mulleres, que lembra que desde a chegada do PP ao Goberno da Xunta se "impulsou a privatización deste servizo de atención domiciliaria, igual que aconteceu coas residencias xeriátricas". Na actualidade hai 250 empresas rexistradas de Servizo de Atención no Fogar en Galicia, para as que traballan 8000 persoas, das que o 95% son mulleres.

Así, desde a Marcha Mundial das Mulleres ínstase á Xunta a dotar cun incremento económico estes servizos para que reverta en melloras para as familias e para as condicións laborais das traballadoras. Advirte tamén de que os concellos teñen a obriga de supervisaren as empresas concesionarias e de garantiren os dereitos laborais, en cuestións relativas á xornada, descansos e pagamento por quilometraxe, "pois o traballo realízase en domicilios particulares aos que as empregadas se desprazan nos seus propios vehículos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta