A Valedora reivindica a presencialidade fronte á fenda dixital en maiores e vulnerables

Cre que a pandemia "impactou de forma desproporcionada nas persoas maiores e nas mulleres" e evidenciou a "fraxilidade do sistema".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2022 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

As queixas, consultas e expedientes presentados ante a Valedora do Pobo durante o ano 2021 volveron crecer de forma significativa, sobre todo en ámbitos sociais, o que evidenciou o impacto "desproporcionado" que a pandemia tivo na "fraxilidade do sistema" de protección e nos colectivos máis vulnerables, especialmente as persoas maiores e as mulleres.

Así o constatou a Valedora, María Dolores Fernández Galiño, durante a súa intervención este xoves no Parlamento de Galicia para dar conta do informe da institución correspondente ao ano 2021. "Temos a sensación de que, moitas veces, somos o último tren de moitas persoas", dixo, especialmente no caso daquelas que "quedan fóra dun sistema" moi encorsetado nos "protocolos" ou que non poden acceder a el en igualdade.

As dificultades de acceso á administración e aos servizos, dixo a Valedora, tiveron un reflexo moi particular por mor da pandemia pola redución da presencialidade nas institucións e o incremento dos accesos dixitais, que exclúen colectivos como os maiores, as persoas sen recursos ou as persoas con discapacidade.

Na súa intervención, a Valedora do Pobo reivindicou o "dereito á presencialidade" e a que a necesaria dixitalización vaia da man de "acompañar ás persoas neste proceso de transformación". Para Fernández Galiño é esencial que a derivación a medios exclusivamente dixitais sexa "moi xustificada", dado que a presencialidade en certos trámites e comunicacións é "esencial para as persoas vulnerables".

Do mesmo xeito, a Valedora incluíu neste grupo ás persoas con discapacidade, para quen estes cambios implican "problemas para acceder á información ou comprendela". A Valedora do Pobo iniciou sobre esta cuestión unha actuación de oficio na que, dixo, acaban de recibir informe da Xunta apuntando que se "está avanzando en liñas de actuación neste sentido".

FRAXILIDADE DO SISTEMA

En 2021, como sucedera en 2020, a institución experimentou un incremento de queixas, consultas e expedientes, sobre todo relacionados cos ámbitos de sanidade, educación e servizos sociais, o que pon de relevancia, dixo Dolores Fernández, a "fraxilidade do sistema" que evidenciou a pandemia.

Neste contexto, afloran "os prexuízos", que están "na base da violación dos dereitos humanos", se "tensionan" as políticas públicas e "as persoas que xa son vulnerables sofren unha maior vulnerabilidade", explicou. O informe de actividade de 2021 recolle un aumento "considerable" do 34 por cento no número de asuntos --ao pasar de 2.912 a 3.936--, mentres que se multiplicaron por dous os expedientes --pasando de 5.387 en 2020 a 10.736 en 2021 (dos cales 5.502 foron presentados por mulleres)--.

A valedora do Pobo, María Fernández Galiño, entrega a memoria de 2019 ao presidente da Cámara galega, Miguel Anxo Santalices. VALEDOR DO POBO
A valedora do Pobo, María Fernández Galiño, entrega a memoria de 2019 ao presidente da Cámara galega, Miguel Anxo Santalices. VALEDOR DO POBO

As áreas da institución con máis actividade foron sanidade (22,18%), emprego público e traballo (10,72%), corporacións locais e servizos municipais (10,56%) e inclusión social (7,45%). Valedora insistiu tanén na igualdade de xénero, coa constatación de que continúa a brecha laboral entre homes e mulleres, a asunción feminizada dos coidados, a falta de percepción dos riscos para a saúde das mulleres embarazadas ou a persistencia da violencia de xénero.

Así mesmo, continuouse co labor de defensa dos dereitos lingüísticos, unha área na que houbo 261 asuntos. Deles 234 foron promovidos pola Mesa pola Normalización Lingüística e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos e, do total, 36 foron remitidas ao Defensor do Pobo. A Valedora destacou, neste apartado, a colaboración das administracións coas súas recomendacións.

AS "DEBILIDADES COMO SOCIEDADE"

Na súa quenda de intervención, o deputado socialista Luís Álvarez, ademais dos problemas en sanidade e cara aos maiores, mulleres e persoas con discapacidade, destacou os prexuízos aflorados cara á pobreza, con "esa nova pandemia que é a aporofobia".

Pola súa banda, o nacionalista Daniel Castro mencionou na súa intervención os "atrasos nas valoracións de discapacidade" para a Lei de Dependencia e o "ano terrible" que sufriu o colectivo LGTBIQA+. "Temos a sensación de que imos a peor, con acoso en centros educativos, dificultades para o cambio de nome nos rexistros civís, incremento terrible nas agresións homófobas...", explicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta