Das “curtas” e das “longas”...

“Os temas entran e saen da axenda pública a velocidade de vertixe e, nese balbordo de ideas, feitos e desexos todo o que ten que ver coa estratexia a longo prazo queda un pouco chafado. Non quero dicir que non se faga tal exercicio de intentar ver máis aló, non, pero sempre moi condicionado por factores moito máis propios dunha visión de luces “curtas”. E iso, por definición, distorce a imaxe. “

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 06/07/2022

Comparte esta noticia
Son dos que pensan, prezados lectores, que moito do que nos pasa hoxe e sempre ten que ver con aquilo de saber diferenciar entre o interese a curto e a medio prazo. Pero se hai unha época na que se tenta vivir o presente pasando do pasado e sen querer ver o futuro, penso que é na que nos encontramos. Que opinan vostedes?
 
O certo é que isto non ten moita maior importancia cando estamos no noso día a día como cidadáns e cidadás particulares, coas nosas cousas, problemas, ledicias e cerelladas varias. Pero cando, como sociedade, queremos reforzar un ou outro aspecto, ou queremos ir para aló ou para acolá, entón a cousa cambia. E si, aí o problema de non saber poñer as “longas” cando toca pode levarnos á cuneta.
 
Por que lles conto isto? Por nada... Ou... por todo. Seguramente porque teño a sensación de que, en democracia, un problema importante xorde da necesidade constante de validación e aprobación pública por parte do corpo electoral. Isto, que en principio é a maior garantía de ausencia de abuso e de boa gobernabilidade, pode mudar até achegarse ao histrionismo cando as proclamas, os slogans e demais instrumentos baleiros da propaganda substitúen aos feitos reais e ás declaracións con base en tal realidade. Por que? Pois porque temos unha sociedade que, en xeral, está moi lonxe -desde moitos puntos de vista e por moitas causas- das fontes reais e veraces coas que contrastar tal volume de palabras.
 
Así as cousas, os temas entran e saen da axenda pública a velocidade de vertixe e, nese balbordo de ideas, feitos e desexos todo o que ten que ver coa estratexia a longo prazo queda un pouco chafado. Non quero dicir que non se faga tal exercicio de intentar ver máis aló, non, pero sempre moi condicionado por factores moito máis propios dunha visión de luces “curtas”. E iso, por definición, distorce a imaxe.
 
Mirando ao mar, decátome de que iso pasa na política a todos os niveis. Falamos do cambio climático até a extenuación, pero non deixamos de alegrarnos ante verdadeiras barbaridades, desde o punto de vista do medio ambiente, cando isto implica atractivos recursos para o presente. Xa lles falei do “turismo de cruceiros”, por exemplo, tan en voga na nosa franxa costeira e un dos maiores problemas do medio ambiente aquí e en moitas outras partes do planeta. Pero hai moito máis. Cremos nun transporte sostible no día a día, pero cada vez na nosa comunidade as nosas vilas e pobos están máis illados por tren, e só os grandes proxectos de alta velocidade a nivel nacional encontran financiamento e interese.  Falamos da necesidade de moita máis auga nos acuíferos, pero somos poucos os que preferimos un día con chuvia a unha abrasadora e tórrida xornada. Seguimos aplicando criterios bastante cuestionables ou até erráticos en canto ao espallamento e posible recombinación das múltiples cepas do Covid-19, promovendo todo tipo de megaactos multitudinarios, ao presunto servizo dunha economía máis boiante e dun certo nivel de “pan e circo” que xa se sabe que, precisamente, a puntos de vista moi estratéxicos non leva. E apostamos polo turismo de masas, “canto máis, mellor”, cando tal modelo xa estragou dabondo moitos outros lugares dentro e fóra de Galicia.
 
Tamén falta consenso. Falta diálogo para chegar a algures moito máis aló dos plans a catro anos vista -que se quedan en dous ou tres na práctica- que nos ofrecen quen aspiran a levar as rendas. Falta que moito do común sexa feito desde a unanimidade e o criterio técnico. Porque, se non é así, o desastre está servido, ao ser esta unha sociedade demasiado rota e polarizada, onde cada quen pretende implantar o seu modelo sen escoitar ao que está fronte a el, algo que só serve para o fracaso. Os grandes problemas globais non precisan de “reinos de taifas”, senón de paradigmas compartidos, recursos dispoñibles onde fagan falta e moita máis imaxinación que a que se mostra hoxe no eido público, propiciando o necesario cambio para non seguir afondando sempre nas mesmas teimas.
 
Faltan luces longas. Falta compromiso real co futuro, por riba doutros intereses. Precisamos adelgazar o imaxinario, focalizando as políticas, facendo moito máis magro o esquema de traballo e, tamén, levándoo dunha forma moito máis orientada a resultados reais. Sobra discurso e falta capacidade de integración. De falarmos todos e todas dunha maneira moito máis transversal, porque moito do que se fai hoxe en día nos concellos, nos Parlamentos autonómicos ou no Congreso é pouco máis que un partido de tenis. Un saca, o outro lla devolve e así en cada un dos tempos, buscando o resultado inmediato. Pero resultados parciais e, sobre todo,... propios. Sen máis. Sen vista común e a longo prazo... Sen visión compartida e ben fundamentada.
 
Ante tal situación, unha boa parte da sociedade está á marxe. E entón se perde o carácter colectivo do esforzo. Se perde a forza e a mirada conxunta. E a democracia pode ter o risco de se converter nunha caricatura de si mesma, moi débil e na que se reforza o propio de cada un dos grupos na liorta, afastándose do fin de servizo ao conxunto. Ese é o perigo hoxe, visto o nivel de falta de entendemento, crispación e de case inexistente consenso nas institucións públicas.
 
Faltan luces longas, si. E, a estas alturas, xa dubido que alguén vaia acendelas para moito máis daquilo que sae nas fotografías...
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar

Familiares de mariñeiros falecidos no Villa de Pitanxo sosteñen pancartas e fotografías nunha concentración, ás portas do Congreso dos Deputados
Familiares de mariñeiros falecidos no Villa de Pitanxo sosteñen pancartas e fotografías nunha concentración, ás portas do Congreso dos Deputados | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.